O Concello de Monterrei busca a novos turistas dende Silleda

Imaxe espazo Festur 2023
photo_camera O stand de Monterrei.
O municipio estará promocionándose en Festur ata este sábado

O Concello de Monterrei está a participar en Festur 2023, a IX Feira de Festas de Interese Turístico celebrada en Silleda, un escaparate da gran oferta de festas distinguidas polo seu interese que existen en Galicia, co respaldo da Axencia de Turismo de Galicia.

O Concello de Monterrei levou un stand propio para promover o municipio e a súa festa turística da Xuntanza Internacional de Gaiteiros, que neste ano 2023 celebrará a súa XXXVIII edición, volvendo a reunir os máis destacados gaiteiros de calquera lugar do mundo os días 26 e 27 de agosto no Castelo.

Aproveitando a cita en Silleda, a oficina de turismo de Monterrei presenta novas publicacións turísticas, co apoio da Deputación de Ourense. Sacan á luz un folleto baixo o slogan “E ti coñécelo?” que resume atractivos turísticos do concello, onde se fai referencia ao Camiño de Santiago, ao enoturismo e as catro rutas que unen atractivos turísticos nas aldeas de Monterrei.

Outra publicación é, a primeira dunha serie específica sobre as aldeas do concello, sobre Vilaza e os seus elementos máis importantes, como a torre medieval, a igrexa de San Salvador, os pazos señoriais e o balneario de Requeixo. A maiores, a oficina de turismo presenta un mapa do concello, cos elementos máis característicos do lugar.

Te puede interesar