Contos para coñecer Verín e o patrimonio

biblioteca de verín
photo_camera Dúas voluntarias traballando nos vídeos de "Roteiro dos Contos". (Foto: cedida).
A entidade ten en marcha unha nova actividade: “Roteiro dos Contos”, que busca combinar contos con lugares emblemáticos da vila da man dosseus voluntarios

A Biblioteca de Verín decidiu reiventarse fronte ao coronavirus, xa que como explica Vicente Rodríguez, un dos responsables da entidade, “dentro do malo buscamos unha vía de escape para continuar coa actividade, non podiamos deixar un ano en branco despois do que nos costou chegar ata onde estamos”, atopando no dixital a forma de continuar coa actividade.

Baixo esta premisa naceu “Roteiro dos Contos”, unha iniciativa que conxuga os contacontos con diferentes lugares emblemáticos da vila do Támega. Son os voluntarios da Biblioteca os encargados de explicar en vídeos de breve duración o motivo polo que se atopan en escenarios como Caldeliñas, o balneario de Sousas ou o Castelo de Monterrei, entre outros. 

“Trátase de que os nosos voluntarios falen sobre a historia do lugar no que se atopan, para despois ler un contacontos para os máis cativos”, explica Rodríguez sobre a actividade, que comezou a pasada semana e remata este martes, con 7 vídeos que se poden visualizar na canle oficial de Youtube da Biblioteca.

A iniciativa xorde tras a finalización dunha serie de videoconferencias temáticas que organizou a entidade, para ofrecer unha axenda cultural. Deste xeito, no que vai de ano, a Biblioteca acadou na súa canle de Youtube case 4.000 asistentes, “é un moi bo dato, son cifras espectaculares que presencialmente non acadariamos tanta asistencia”, sinala o responsable. 

Aínda que seguirán con contido online para sorprender ao público, esperan poder retomar en agosto a presencialidade, xa que como conclúe Rodríguez, “unha cousa é que as actividades online nos gusten e outra que fucnione. Funcionan moi ben, gustar non nos gusta”.

Te puede interesar