O candidato socialista pretende tornar a cor política do Concello, gobernada dende hai 30 anos polo Partido Popular
David Alfonso Rodríguez será o candidato socialista de Monterrei para as vindeiras eleccións do 26 de maio. É a quincuaxésima proposta do Partido Socialista de Ourense para os comicios e pretende tornar a cor política dun Concello gobernado dende hai 30 anos polo Partido Popular.
"Quero traballar a prol da veciñanza e podo aportar a miña experiencia destes últimos catro anos coma concelleiro nunha vila que precisa con urxencia un plan de loita contra o despoboamento e a crise demográfica que nos asola", manifestou David Alfonso. "Apostaremos pola finalización e posta en marcha do centro de día de Albarellos, que leva algún tempo paralizado e que debemos por en marcha canto antes para facilitar a atención aos nosos maiores, xa que non cabe esquecer que Monterrei é, a día de hoxe, un municipio cunha alta taxa de persoas en idade avanzada que merecen un mellor trato e instalacións por parte do goberno local", engadiu.
O candidato do PSOE tamén apuntou que a súa formación traballará no municipio "para mellorar a concentración parcelaria, especialmente en zonas de montaña do concello, onde non se traballou neste ámbito e onde a pesares de que falamos de montaña, hai posibilidades de realizar a concentración e explotar melloro os nosos recursos". Tamén pretende implantar a visita semanal de dous médicos ás distintas zonas do municipio.