O Auditorio de Verín acolle a presentación da película "Pretérito Imperfecto"

auditorio de verín (c.c.)
photo_camera O Auditorio de Verín. (Foto: C. C.).
A cita será este sábado, 23 de setembro, ás 20,00 horas

O Auditorio de Verín acollerá este sábado, ás 20,00 horas, a proxección da estrea da película "Pretérito Imperfecto", dirixida, guionizada e producida polo cineasta verinés Plácido Romero. 

Este filme xira sobre a recuperación de apuntamentos e material compilado por Xan Moreno, a quen se dedica este traballo postumamente. Seguindo as directrices de Moreno, a película convida ao espectador a explorar un documental que non puido completar debido á súa morte prematura. "Esta obra propón, así, unha conmovedora travesía a través do espazo e do tempo, levándonos de volta á infancia no noso querido pobo", explica Romero. A misión é descubrir as razóns detrás dos diversos destinos dos compañeiros de xeración que aparecen nunha fotografía escolar da década de 1950, que foi destruída. A reconstrución desta imaxe proporcionará as primeiras pistas sobre os futuros que, naquela época, eran descoñecidos para os retratados. 

Así, esta peza documental presentará varias lecturas que invitan á reflexión acerca de "por que somos como somos, do valor dos recordos, das arestas da nostalxia, de opinións contrapostas, da nosa relación co paso do tempo, da evolución persoal e social de aqueles que foron fillos dos combatentes na Guerra Civil, das vítimas da escarlatina, do sarampelo, da varicela e de autoritarismos descarnados", engade o director de "Pretérito Imperfecto". 

A duración da película é de 65 minutos, e despois da proxección -de balde- realizarase un coloquio no que os asistentes terán a oportunidade de expresas as súas visións e opinións sobre a película e os temas que aborda. 

Te puede interesar