Elena Gallego: “Presentar esta novela na biblioteca de Verín supón pechar un ciclo"

A xornalista e escritora Elena Gallego Abad
photo_camera A xornalista e escritora Elena Gallego Abad
Entrevista coa xornalista e escritora Elena Gallego Abad que acaba de publicar a novela "El legado de la niña de la sal"

A xornalista e escritora Elena Gallego Abad, fortemente ligada a localidade de Verín, presenta a súa oitava novela, “El legado de la niña de la sal”, na Biblioteca Municipal de Verín o próximo sábado, 2 de decembro, ás 19,00 horas. Durante a súa presentación, estará acompañada por Alfonso Fernández-Novoa, mestre do Colexio Inmaculada.

Esta é a oitava novela que presenta, a que se enfronta o lector?

Esta é para min unha presentación moi especial. É unha novela moi diferente ás anteriores. Escribín literatura fantástica, unha novela negra, unha novela romántica e de viaxes, e de repente, dou un salto a ficción para presentar “El legado de la niña de la sal”. Este é o legado que me deixou a miña nai. Cando ela estaba enferma prometinlle que ía escribir a historia da súa vida. E aquí está.

Cal é a orixe desta obra?

A orixe radica nuns cadernos que encontramos na miña casa de Verín, onde os meus pais residiron 50 anos. Estes cadernos contaban as vivencias dunha nena que tivo bastantes dificultades durante a súa infancia. Cando as historias pertencen a túa familia, afástaste un pouco e non lle das a importancia que teñen ou non te atreves a mergullarte porque che da un pouco de apuro. Por outro lado, pensamos que os seres ós que queremos van ser eternos, e sempre pospós para máis adiante falar con eles e contar esas historias. Eu atopeime con que miña nai estaba morrendo e nese intre prometinlle que se saía íamos a escribir a súa historia xuntas. Posteriormente topeime con eses cadernos e, tras moitos anos de investigación, cumprín a miña palabra.

Cal é exactamente a historia que recolle esta novela? 

Por un lado, cóntase a experiencia novelar desa xornalista e escritora que se encontra cunha historia que non se imaxinaba e que se comprometeu a escribir, e por outro, novélanse eses cadernos nos que miña nai contaba as súas memorias dende o punto de vista dunha nena que vivía na posguerra. Cando entras na novela é como se miraras a través dun ferrollo e puideras ver a vida nos anos 40. A partir deses cadernos reconstruín a historia de “la niña de la sal”.

Detrás de “El legado de la niña de la sal” hai un amplo traballo de investigación, canto tempo lle levou?

Fixen un amplo traballo de investigación que durou 8 anos. Os xornalistas sempre documentamos todo aquelo que contamos, e cando a historia, como é o caso, che afecta a ti e a terceiras persoas e as cousas que se contan son moi duras, a necesidade de contrastalo todo é maior.

"Son escritora por culpa da Biblioteca Municipal de Verín".

A novela foi publicada o pasado mes de maio, cal foi a acollida por parte do público?

Tivo moi boa acollida. Éncheme moito recibir mensaxes de amigos, ou incluso de persoas descoñecidas, que desde diferentes partes do país me fan chegar a súa emoción ao ler a obra,  como esta lle chega ao corazón e se senten identificados con ela.

Estivo en varias Feiras do Libro como Madrid, A Coruña, Viveiro ou Foz, agora presenta este exemplar en Verín, que supón para vostede?

Verín é onde están enterrados os meus pais. É onde me criei. No epílogo desa obra fálase precisamente da miña nai e a súa relación coa vila, xa que ela foi unha persoa moi coñecida. Para min presentar esta obra aquí é pechar o ciclo. Podo dicir que practicamente me criei nesta vila. Meus pais chegaron cando eu era moi pequena e estiveron en Verín ata que morreron.

 Tráelle recordos volver de novo á Biblioteca de Verín?

Eu son escritora por culpa da Biblioteca Municipal de Verín. Cando era nena, o meu refuxio era a biblioteca. Recordo que con 12 anos a miña nai falara ca bibliotecaria, que daquelas se chamaba María José, para que me deixara ler os libros dos maiores. É, sen dúbida, un lugar moi especial para min.

“Fixen un amplo traballo de investigación que durou 8 anos”.

Presentas esta obra xunto a Alfonso Fernández-Novoa, por que xunto a el?

Alfonso era o meu compañeiro cando íamos a Educación Infantil. Para min e moi especial que el me acompañe, xa que temos moitos anos de amizade. El é unha persoa moi ligada a miña familia e sempre tivo aprecio polos meus pais. 

Te puede interesar