ENTREVISTA

Kelly Pereira: "Durante o confinamento o 34% dos pacientes sufriron ansiedade e depresión"

Kelly Pereira, aecc verín
photo_camera Kelly Pereira, a traballadora social da AECC da comarca de Monterrei. (Foto: Concha Caneiro).
Con motivo do Día Mundial contra o cancro, a traballadora social das oficinas verinensas da Asociación Española contra el Cáncer, Kelly Pereira, fala sobre o seu traballo e a enfermidade

Kelly Pereira Roodríguez é traballadora social da Asociación Española contra o Cancro na oficina de Verín. Ao longo dos seus dous anos de experiencia nesta entidade, esta moza de 27 anos teno claro: "Síntome afortunada por poder exercer no que me gusta". E é que a vocación de Kelly Pereira sempre foi ser traballadora social na rama de atención sociosanitaria. Este xoves, 4 de febreiro, celébrase o Día Mundial contra o Cancro, e esta traballadora social abriunos as portas da súa oficina no Hospital de Verín -en oncoloxía- para contarnos que supón na actualidade lidiar contra o cancro e o seu traballo na comarca, onde dispoñen tamén dunha oficina na antiga Praza de Abastos de Verín.

Parece que coa crise sanitaria do coronavirus, se esqueceron as demais enfermidades. O cancro segue presente... Que opina disto?

Eu creo que o coronavirus agravou moitas enfermidades, entre elas o cancro. Este segue presente e é o gran olvidado desta pandemia. Ademais, ao ser unha crise sanitaria produciuse un colapso sanitario que influíu en diagnósticos, probas ou tratamentos.

Está afectando o covid-19 a esta enfermidade e, sobre todo, as persoas que a sofren?

Si. De feito realizouse un estudo fai pouco con varias asociacions e sociedades no que se concluíron os seguintes datos a nivel estatal: Diagnosticáronse un 21% menos de novos casos, unha de cada cinco persoas quedou sen diagnosticar durante os primeiros 6 meses. Isto implica un agravamento da enfermidade posto que a detección faise nun estado máis avanzado. Os pacientes atendidos descenderon nun 14%, e os tratados con quimioterapia baixaron a case un 10%, mentres que de radioterapia a un 5%. Ao igual que a atención diagnóstica do cancro en citoloxías e biopsias, que descenderon nun 30 e nun 23,5% respectivamente.

E na saúde mental?

Neste caso, noutros estudos realizados tamén se detectou que durante o confinamento o 34% dos pacientes sufriron ansiedade e depresión, pero e que neste mes de novembro rexistrouse un 41%, incrementándose o deterioro da saúde mental dos nosos pacientes. 

Xa a nivel persoal e dende Verín, eu si que notei isto nos meus pacientes. A maior preocupación que tiveron ao longo destes meses xa non só era a propia enfermidade, tamén o foi o medo a que lle poida pasar algo aos seres queridos, a un mesmo, que se produzan retrasos no tratamento... Xa a propia enfermidade crea preocupación, canto máis con esta situación.

Respecto ao seu traballo, nos últimos meses, mudou algo o feito de que o coronavirus esté presente?

A miña forma de traballar mudou totalmente. Eu adoito manter contacto fisico con eles, gústame saudalos, darlles un abrazo, acompañalos a sala de tratamento e darlles a man, mostras de apoio en momentos de desafogo persoal... Algo máis próximo... Esas mostras de afecto agora non se poden realizar, entón si que te ves distante, con esa perda de contacto. Non podes ter a mesma proximidade con eles. Hai cousas que se poden transmitir polos ollos, pero hai outras que non. Para min o contacto é moi importante.

Cal é o tipo de cancro máis común? E o perfil do paciente?

A nivel provincial: no 2020 os casos foron 2.591 e os cinco tumores máis comúns foron o de colon, próstata, mama, pulmón e pel. Incide máis en maiores de 75 anos, pero a partir dos 60 tamén se producen bastantes casos. E repercute máis nos homes.

Que a Asociación teña unha oficina na comarca de Monterrei é algo moi importante que pon en valor a zona. Que supón isto para a AECC?

Para nós supón achegar os recursos e servizos que temos na Asociación á comarca. É dicir, poder estar máis preto da xente de forma directa. Non é o mesmo que un paciente con cancro necesite algo da Asociación e teña que ir a Ourense a que teña aquí unha canle directa.  Ademais, os pacientes notárono moito e valoraron este servizo.

Hoxe é o Día Mundial contra o Cancro, dende aquí, cal é a mensaxe que queren transmitir?

A mensaxe que queremos transmitir dende a AECC é a equidade no cancro, isto é que todo o mundo teña os mesmos tipos de oportunidades para afrontar un cancro, viva na provincia que viva ou estea rexido por unhas ou outras leis sanitarias.

Agora no eido máis persoal, ser traballadora social implica ter que enfrontarse a situacións complicadas. Cal diría que son os peores momentos do seu traballo?

Pois, como traballadora social, nos casos nos que non hai ningún tipo de ingreso económico ou son insuficientes para cubrir as necesidades básicas dunha persoa con cancro. Nós temos axudas económicas propias da Asociación coas que se sufragan gastos de necesidades básicas.

Pero a nivel persoal, os casos máis complexos de tratar son cando unha persoa é diagnosticada nun estadio ou fase moi avanzado.

E non todo vai ser malo... O máis reconfortante?

(riso). A min e que me encanta o meu traballo, e moitos pacientes din que se me nota que me gusta o que fago. E respondendo a cuestión, o máis reconfortante é que ao marchar daquí, doume conta de que axudei ou lle fixen a enfermidade ou a situación dos enfermos algo máis agradable ou máis levadeira. E isto a nivel persoal reconforta moitísimo.

E para rematar, como traballadora social na AECC, cal é a lección máis importante que adquiriu nesta andadura?

Teño que decir que a miña andadura na Asociación cambioume para ben en moitos aspectos. Por exemplo, de maneira persoal, en facer máis deporte, comer dun xeito máis saudable, desfrutar moito máis a vida, valorar os pequenos momentos, o día a día, a familia.. En definitiva, aproveitar máis aquelo que antes non exprimía.

Te puede interesar