O Festival do Imaxinario de Vilagarcía estará en Verín en setembro

22072023 Un momento do Curtas Festival do Imaxinario 2022
photo_camera Un momento do Curtas Festival do Imaxinario 2022.
O FIC Vía XIV de Verín enriquecerá este ano a súa programación co festival invitado

Como cada ano, a organización do Festival Internacional de Cortos (FIC) Vía XIV de Verín selecciona un festival cinematográfico para renderlle homenaxe no marco da súa programación e intercambiar experiencias cos seus responsables ao longo da semana na que se desenvolve o certame. Este ano o certame convidado polo FIC Vía XIV será o Curtas-Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa. 

"Non é un festival calquera", sinala Carlos Montero, director do FIC, ao respecto do certame de Vilagarcía. "Trátase do festival cinematográfico decano de Galicia, que o ano pasado celebrou o seu primeiro medio século de vida, todo un mérito ao alcance de moi poucos certames", destaca. "Por iso, estaremos encantados de contar en Verín cos responsables deste foro para manter unha charla-coloquio na que nos poidan explicar cal é o segredo do seu éxito e tamén teremos ocasión de visionar traballos que foron distinguidos no marco deste festival en edicións anteriores", remarca Montero. 

Aínda que o Imaxinario de Vilagarcía naceu coma un festival afeccionado, co paso do tempo consolidouse como un punto de encontro de primeiro nivel para o eido cinematográfico galego adquirindo, ademais, un carácter multidisciplinar que tamén pon en valor a literatura ou o mundo do cómic. 

Así, a VIII edición do FIC Vía XIV de Verín contará cunha sesión na que se proxectarán e visualizarán algunhas das obras máis valoradas nas últimas edicións do Curtas-Festival do Imaxinario de Vilagarcía, pezas que serán presentadas por membros do equipo directivo do certame. A cita está programada para o 15 de setembro, venres. 

Te puede interesar