A Biblioteca de Verín homenaxeará a Xela Arias cun coloquio

Biblioteca de Verín.
photo_camera Imaxe de arquivo da Biblioteca de Verín.
O coloquio realizarase por videoconferencia este mércores

A Biblioteca Pública Municipal de Verín acollerá o vindeiro 7 de abril, ás 11:30 horas, unha videoconferencia da man de Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega, e Montse Pena, profesora da USC, crítica literaria, escritora e biógrafa de Xela Arias, para dialogar sobre a figura de Xela Arias.

Con este evento, a Biblioteca verinensa únese a serie de recoñecementos que se lle brindarán á autora sarriana durante o presente ano, no que a Real Academia Galega acordou que Xela Arias será a persoa homenaxeada nas Letras Galegas de 2021.

Xela Arias (Sarria, 1962 - Vigo, 2003) está considerada unha das voces máis destacadas da poesía galega contemporánea, ademais da súa carreira como profesora, editora e tradutora de clásicos.

Na videoconferencia, Víctor Freixanes fará unha breve introdución sobre as mulleres na RAG. Pola súa parte, Montse Pena falará sobre o seu traballo "Intempestiva. Biografía (literaria) de Xela Arias", un estudo da poeta marcado pola heterodoxia dunha muller que non desexaba ser categorizada en correntes ou escolas de ningún tipo. 

A cita quedará dispoñible na canle de Youtube da Biblioteca. Ademais, as persoas interesadas en obter máis información sobre a poetisa, poderán facelo no portal web creado para iso pola RAG. 

Te puede interesar