AUDIOVISUAL

Os fondos recadados no autocine de Verín destinaranse a familias afectadas polo covid

Dende o concello lembran que non se poderá aparcar no parking central dende o próximo sábado 20 de xuño

Os fondos recadados coa venda de entradas -terán un custo de oito euros cada unha- para o primeiro autocine de Verín no que se estreará a película María Solinha de Ignacio Vilar destinaranse, de xeito íntegro, a axudar a aquelas familias afectadas pola crise do covid-19. A sesión, que terá lugar o vindeiro 21 de xuño ás 21,30 horas, terá deste xeito fins solidarios e será o Centro de Desenvolvemento Rural Portas Abertas quen axude a distribuir estes fondos a través das actividades que veñen celebrando neste senso nas últimas semanas. 

A estrea mundial da última película de Vilar servirá para inagurar un novo xeito seguro de disfrutar do cine en Verín, tal e como aseguran dende o Concello, "mantendo a distancia e totalmente protexidos en candaseu coche". Neste senso, a entrada ao parking central de Verín realizarase polo acceso da avenida de Portugal -fronte ao concello- de xeito único, quedando as restantes habilitadas para saídas de emerxencia e servizos.As prazas estarán delimitadas con número fixo e as rúas de cada fila demarcadas con sinalización especial.

Por outra banda, as entradas para poder acudir á sesión estarán á venda próximamente na plataforma ataquilla.com e o prezo será de oito euros, podendo ir os vehículos totalmente ocupados.

Dende o Concello de Verín lembran que non se poderá aparcar no parking central dende o sábado 20 de xuño, data en que quedará acotada a zona para o autocine.

Os hosteleiros servirán nesta sesión piloto os seus menús a través de Rumbo Verín que teñen desenvolto cun servizo propio a domicilio. Poderán solicitar o menú autocine ou acceder a carta completa.

Te puede interesar