REPORTAXE

A herba e a unión dun pobo: Lucenza

herba lucenza2
photo_camera Os veciños recolleron a herba para as cachenas e os cabalos.
Os veciños de Lucenza (Cualedro) recolleron onte a herba que segaron no verán para alimentar aos 100 animais que teñen nos seus montes comunais para a prevención de incendios. Unha cita de confraternización e unión da veciñanza

Os veciños de Lucenza, no concello de Cualedro, teñen moi claro o importante que é manter os montes limpos. Contan con 100 animais, entre vacas cachenas e cabalos de raza galega. E para que estes estean ben coidados, cada verán os veciños xúntanse para recoller a herba dos campos e proporcionarlle alimento ás cachenas e cabalos, os que se atopan polo monte de Chairas. Traballos comunais que unen á veciñanza arredor do campo. 

Tanto comunidade de montes como asociación de veciños traballan para que Lucenza sexa un lugar fantástico no que vivir, así como para manter o lume lonxe do seu territorio. Algo que están a lograr. Onte recolleron un total de 200 alpacas e 220 rulos de herba. Fixérono 30 veciños con 8 tractores, os que traballaron durante toda a mañá para rematar a xornada cunha comida de confraternización no monte de Chairas. Alí, comeron, beberon, riron e desfrutaron da paz do rural.

“É algo que facemos todos os anos, traballos comunais para coidar o que é noso”, anotan os veciños, orgullosos do traballo realizado. Man a man, os participantes suaron para acadar recoller toda a herba, un exemplo da importancia da constancia e unión. “Entre todos facemos moito máis que por separado, é importante estar unidos”, engaden. 

herba lucenza (2)
A xornada laboral rematou cunha comida no monte.

Agora, os veciños de Lucenza desfrutan do traballo realizado e xa están a pensar na seguinte cita comunal: a celebración dos 35 anos de vida da asociación de veciños. Nas costas, centos de actividades realizadas e moitas propostas para o rural, as que fan de Lucenza unha aldea exemplar. 

Te puede interesar