Laza celebra o San Xoán con fogueira, música e unha procesión

foliada laza SS (2)
photo_camera No San Xoán celebrarase unha foliada.

Laza xa conta os días para honrar ao seu patrón, San Xoán. Os días 23 e 24 de xuño, a comisión Amigos do San Xoán de Laza organiza variadas actividades para que os veciños do municipio desfruten das xornadas festivas. 

O xoves, ás 23,00 horas farase a fogueira na Finca do Bacallana e será a charanga Europa a que amenice a velada con música. Outros anos, a comisión organizaba unha cea popular, pero “este ano decidimos non facela aínda polo coronavirus e por se a xente non se sentía segura”, apuntan dende a comisión. 

Xa o venres, día do seu patrón, o día comezará cun pasarrúas do grupo tradicional Rebulir ás 10,00 horas. E ás 12,00 horas celebrarase a procesión e a misa solemne amenizada polo coro San Xoán de Laza. Ao remate, sesión vermú con Rebulir. A cita culminará tras a actuación de baile do Grupo 3.com ás 20,00 horas. 

Para a organización da cita festiva, Amigos do San Xoán de Laza contan coa colaboración da Deputación de Ourense e a axuda dos veciños. “Na comisión somos uns poucos, pero logo, moitos veciños nos axudan coas diferentes tarefas, como limpar a igrexa, cos preparativos… Con todo o que faga falta”, resaltan agradecidos dende a comisión. Ademais, este ano a organización decidiu prohibir os petardos.

Te puede interesar