A Ludoteca de Verín acolleu unha charla sobre as velutinas

velutinas ludoteca verín
photo_camera Os pequenos atenden á explicación do experto sobre velutinas.
Esta iniciativa organizouse para concienciar aos máis pequenos dos perigos das velutinas

A Ludoteca de Verín recibiu esta semana unha visita de Luis Dameá, un experto na loita contra as vespas velutinas. “Cada ano é máis frecuente atopar niños de velutinas por calquera recanto da comarca, por iso, recibimos esta visita tan especial”, anotan dende a organización da actividade.

Damea impartiu a charla para os nenos de idades comprendidas entre os 3 e os 10 anos e explicoulle aos asistentes a importancia de conservar o avespón autóctono e de erradicar a velutina. “Esta avespa é moi prexudicial para o noso ecosistema”, dixo. O experto tamén lle recalcou aos cativos que é “moi importante acudir ás urxencias por unha picadura de velutina, xa que poden probar dores agudas en comparación coa picadura doutras avespas”, engadiu. 

Para que a charla aínda fora máis completa, Luis Dameá acudiu vestido co traxe de apicultor, “para concienciar aos nenos do verdadeiro perigo deste insecto”, anotaron dende a Ludoteca de Verín. Tamén lles explicou aos verineses como se desenvolven as velutinas no seu hábitat e a súa capacidade de adaptarse a outros ambientes, como pasan de crisálida a vespa e a importancia da raíña nun avespalleiro. 

Finalmente, despois de responder a numerosas dúbidas por parte dos máis pequenos, Dameá mostroulles varios avespalleiros e avespas asiáticas para a súa diferenciación coas autóctonas. Unha lección que, de seguro, os cativos non esquecerán. 

Te puede interesar