Mulleres rurais da comarca de Monterrei reclaman igualdade

OURENSE. 11.03.2017 VERIN, AUDITORIO, ACTO FEMURO, 8 DE MARZO DIA DE LA MUJER. FOTO: MIGUEL ANGEL
photo_camera Ana Prada, Concepción Delgado, Emilia Somoza e Reyes González

Máis de 200 membros do colectivo participaron nunha xornada reivindicativa e de convivencia en Verín

Ao redor de 200 mulleres procedentes de toda a comarca de Monterrei participaron onte nunha xornada reivindicativa e de convivencia en Verín. Promovida pola Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense (Femuro), as participantes foron recibidas ás 12,00 horas no auditorio do Concello de Verín.  

As responsables de Femuro Concepción Delgado, Ana Prada e Reyes González foron as encargadas de dar a benvida ás participantes no encontro e de seguido, a concelleira de Educación de Verín, Emilia Somoza, relatou ás participantes no encontro a súa experiencia como muller e as dificultades coas que se atopou ao longo da súa vida por ser muller. Recordou a educación machista que recibiu durante o franquismo e como pouco a pouco comezou a rebelarse contra esa situación, "pero sempre hai quen se sinte molesto e intentan frearte, polo que tes que ir rompendo muros en tódolos niveis, familiar, laboral, social".  "Por desgraza aínda quedan moitas barreiras, que só se poderán superar con educación no respecto e na igualdade desde o nacemento", concluía Emilia Somoza. 

Tralas intervencións, a ilusionista Fani Triana ofreceu ás asistentes o seu espectáculo "Maxia pola igualdade", e a xornada remataría cun xantar, que serviu para que as participantes poideran intercambiar experiencias.

Esta xuntanza forma parte do programa de actividades promovido pola Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense, que organiza varios encontros ao longo deste mes para reclamar igualdade e celebrar o Día Internacional da Muller. Onte, ademáis da celebrada en Verín, tivo lugar outra xuntanza en Ribadavia, na que participaron un cento de mulleres procedentes das comarcas do Ribeiro e Baixa Limia. Hoxe, domingo, a cita será para na Limia, na Casa da Cultura de Xinzo, a partir das 12,30 horas. As seguintes xuntanzas terán lugar no Carballiño e no Barco de Valdeorras e se celebrarán os días 18 e 25 de marzo, respectivamente.

Te puede interesar