Música

Música para ancorar as raíces

Álvaro Isaac Rúa e Daniel García, directores e fundadores de Nova era.
photo_camera Álvaro Isaac Rúa e Daniel García, directores e fundadores de Nova era.

A agrupación verinesa Nova era vén de gravar o seu primeiro disco, "Rumbo NE". Un proxecto que mestura a música galega tradicional con ritmos experimentais e sons como o swing ou a salsa cubana. 

Álvaro Isaac Rúa e Daniel García son os fundadores e directores da agrupación Nova era de Verín, que vén de publicar o seu primeiro traballo discográfico, "Rumbo NE". A banda consolidouse no ano 2014 e presentouse no 2015, froito da unión destes dous mozos procedentes doutra formación da vila. 

"Antes de presentar a banda estivemos oito meses traballando, preparando todo, reunindo á xente e mercando material", recorda Daniel. "A día de hoxe temos 42 músicos, que son os que estiveron presentes no concerto de presentación do disco, xunto a outros colaboradores que tivemos", engade. 

Pouco a pouco, a formación foise estendendo a toda a comarca de Monterrei e fóra das súas fronteiras, e é que nun primeiro momento os seus integrantes eran da vila do Támega, pero agora tamén proceden doutros recunchos de Manzaneda, Vilariño de Conso, Xinzo de Limia ou Ourense. "Somos unha mestura de moitos lugares e de xente bastante nova", di o director. Neste senso, as idades dos músicos da banda de gaitas están comprendidas entre os dezaséis e os cuarenta anos. 

O nome de Nova era xurdiu, tal e como explica Álvaro, da necesidade de crear algo distinto. "É un simbolismo. Comezaba algo novo para todos nós, de cero e con moita ilusión", apunta o músico. "Partindo do respecto á música tradicional, que é de onde vimos, queremos explotar o instrumento ata límites que aínda non coñecemos. Queremos chegar a algo novo, a unha sonoridade nova non só con instrumentos típicos da banda de gaitas, pois temos unha sección de vento madeira, de vento metal, de corda ou teclado. Intentamos facer unha mestura un pouco distinta", engade. 

A independencia e a autosuficiencia da agrupación, levouna a poder publicar un primeiro traballo discográfico contando con cinco anos de vida. "Fixémolo, directamente, nun estudio que é noso. Traballamos durante dous anos compoñendo partituras e, neste último ano, estivemos gravando o disco sen parar ata agora", expón Daniel. "É unha mestura de estilos. Fómonos á salsa cubana ou ao swing americano, pero tamén temos pezas tradicionais", engade. 

Os ensaios en Nova era celebranse todos os domingos. Para moita xente trátase dun día de descanso, pero para os músicos da agrupación é o único momento no que se poden xuntar, dado que moitos deles traballan ou estudan fóra de Verín. "Hai moita xente que está en Valencia ou en Vigo e Pontevedra", conta Daniel. "Ensaiamos nun local en Verín. É tamén unha forma de que a xente nova continúe vindo a Verín. Sempre foi un proxecto ilusionante para os rapaces, e é unha maneira de que todos se comprometan malia as adversidades que poida haber. Todos eles fan o imposible para poder estar e así saen as cousas, con ilusión e con esforzo", engade.

Te puede interesar