Monterrei

Persoal do Hospital de Verín nega que se vaian crear máis prazas

Monterrei

Persoal do Hospital de Verín nega que se vaian crear máis prazas

O colectivo explicou que o encerro promovido en Verín e as numerosas manifestacións e concentracións levadas a cabo tiñan como finalidade solicitar "un necesario aumento de persoal, a maiores do que hai

A Comisión delegada do Hospital de Verín desmentiu onte a información adiantada pola Xerencia da Xestión Integrada sobre a creación de seis novas prazas no centro. Neste senso, matizan que se trata, máis concretamente, dunha "cobertura estable de prazas" que xa se viñan cubrindo con contratos precarios dende o pasado 2015. Engaden que, por lei, xa tiñan que estar estabilizados dende fai dous anos e que, unha vez máis, o EOXI "incumpre as leis que el mesmo aproba, cousa que esta Comisión leva denunciando mes tras mes nas reunións mantidas coa xerencia". Nesta liña, a Comisión fai referencia a unha matrona, unha enfermeira, unha fisioterapeuta, dúas técnicos en coidados de enfermería e un celador que foron contratados dende o 2015 "en precariedade". 

O colectivo explicou que o encerro promovido en Verín e as numerosas manifestacións e concentracións levadas a cabo tiñan como finalidade solicitar "un necesario aumento de persoal, a maiores do que hai, para dar unha asistencia de calidade".

A xerencia do EOXI tamén manifestou públicamente que se está procurando persoal especializado en dermatoloxía para cubrir dito servizo -agora mesmo inexistente- en Verín, pero a Comisión asegura que "non ofertan contratos de longa duración para que estes profesionais poidan optar a unha estabilidade laboral". 

O colectivo anunciou que se desconvocarán as concentracións que se estaban a manter os venres "para xuntar folgos para unha gran manifestación", que terá lugar o sábado 30 de novembro.

Más en Monterrei