REPORTAXE

Os Reis Magos sorprenden aos nenos en Vilaza, Monterrei

photo_camera Os nenos abriron o regalo e leron a carta.
Os alumnos do Centro Rural Agrupado de Monterrei volven ás aulas con sorpresas. Os Reis Magos -e os que non o son- deixaron un obsequio moi especial: una incubadora

Volta ao colexio. E en Monterrei, como non podía ser doutra forma, con algún detalle especial. Os Reis Magos fixeron parada en todas as aulas do Centro Rural Agrupado (CRA) de Monterrei para agasallar aos máis cativos. Os sorrisos, baixo a máscara, foron inmensos ao entrar pola porta e ver que Melchor, Gaspar e Baltasar se acordaron do seu centro. 

cra monterrei (2)

“Todos os anos mantemos esta tradición, ademais, os Reis tamén deixaron unha carta que lles contou aos nosos pequenos que antes de rematar o Nadal pasaron polo noso centro”, explica Teresa Santamaría, a directora do CRA de Monterrei, quen este ano tamén levou unha sorpresa. 

Na aula de Vilaza, ademais dos Reis Magos, tamén fixeron parada unha familia da zona e Lydia Cases, unha profesora que estivo de prácticas no centro o pasado curso. Eles quixeron ter un detalle co persoal docente e con todos os nenos que aprenden e se divirten neste centro. Os cativos de Vilaza recibiron un agasallo moi especial para eles: unha incubadora. “A familia, que foi a mesma que construíu o galiñeiro que temos, encargouse de facer a incubadora e Lydia de facer a pirografía”, explica a directora.

cra monterrei (1)

“Foi unha sorpresa moi especial, e máis vindo dunha familia que xa non están os seus nenos no cole, o que lles dá máis mérito, e de Lydia, que se fixo querer moito no seu paso por aquí”, afirma orgullosa Santamaría, quen mima e cuida ata o máis pequeno detalle do CRA Monterrei para que os seus alumnos obteñan coñecementos e, o máis importante, crezan en valores. Así, a volta ás aulas é moito máis apetecible.

Te puede interesar