FORMACCIÓN

A UNED impartirá en Verín un curso sobre licores e destilados

A formación dará continuidade aos cursos de cata celebrados en octubre.
photo_camera A formación dará continuidade aos cursos de cata celebrados en octubre.

O curso terá, en total, 30 prazas e a matrícula será de 10 euros.

Na liña dos celebrados durante o pasado mes de outubro, a Universidade Nacional de Educación a Distancia -UNED- impartirá no Museo Claustro Mercedario de Verín novos cursos, nesta ocasión, sobre "Destilados e licores". As formacións terán lugar os vindeiros días 18 e 19 do presente mes de xaneiro e constarán de seis horas lectivas. A encargada de impartir os coñecementos será Sandra Cortés Diéguez, doutora en Química pola Universidade de Vigo, licenciada en Química Analítica pola Universidade de Santiago e máster en Viticultura, Enoloxía e Márketing o viño, entre outros. 

O curso terá, en total, 30 prazas e a matrícula será de 10 euros. O obxectivo será formar aos asistentes na elaboración de destilados, destacando os fabricados con bagazos de uva, ademais de degustar os destilados de Galicia, os envellecidos, augardente de herbas, licores tradicionais, licor café e tamén licor de herbas. 

Na primeira xornada, que se prolongará dende ás 18,00 horas ata ás 20,00 horas, abordarase a teoría da materia para, a continuación, explicarse a identificación práctica de compostos positivos e negativos para o aroma. Finalizarase a formación coa degustación de oito destilados. O sábado, 19 de xaneiro, Sandra Cortés falará sobre a elaboración de licores, materia prima, equipos e procesos de acondicionamento.

A actividade estará patrocinada polo Concello, dirixida por Jesús Manuel García Díaz, director da UNED en Ourense e coordinada por Luis José López Paadín.

Te puede interesar