Veciños da comarca desfrutan dunha foliada en Laza

O grupo Pan Sen Fron fixo bailar aos presentes na Praza da Picota

Os veciños de Laza desfrutaron dunha foliada da man de Pan Sen Fron (Pandereteiras Sen Fronteiros), un grupo de música tradicional de Galicia, que logrou facer bailar e cantar aos presentes na praza da Picota. Ata alí, ademais de moitos lazanos, tamén se achegaron veciños de toda a comarca de Monterrei. Unha iniciativa da que tamén se favoreceu a hostalaría ao recibir a visitantes. 

A cita, celebrada a última hora da tarde do sábado, congregou a mozos e maiores, os que viviron esta xornada de troula con intensidade, concluíndo a foliada na cafetería O Descanso do Peregrino.

Tras a boa acollida da iniciativa -que xurdiu por vontade dun veciño do concello- dende Turismo de Laza, o grupo que realiza variadas actividades culturais no concello para impulsar a vida rural, xa están pensando en organizar a próxima foliada e repetir na vindeira Semana Santa a cita.

Te puede interesar