Monterrei

Verín abrirá unha oficiña para facer un novo plan urbanístico

Pretende recibir as suxerencias dos veciños para que o planeamento teña maior consenso

O Concello de Verín comeza xa a traballar no que será o vindeiro planeamento xeral da vila. O día 13 deste mes estará a disposición de todos os verinenses una oficiña urbanística que recollerá todas as inquedanzas dos administrados para que "o novo PXOM sexa o máis consensuado posible", afirmou o alcalde Gerardo Seoane. 

Ante a caída do plan vixente, e en aras de evitar a parálise urbanística do municipio, o Concello de Verín planteará un incidente de nulidade ante o Tribunal Supremo, “pero sen deixar de facer os deberes ante a previsible caída definitiva do plan”, segundo Seoane. Estes deberes pasan por “comezar coa elaboración responsable dun novo documento que teña todas as garantías xurídicas, estea ben feito, e recolla as demandas dos veciños”. 

“Para isto”, asevera o alcalde, “debemos aproveitar todas as partes do PXOM anterior que son útiles, como acontece co 60 ou 70% do documento: os estudos técnicos, diversas planimetrías e apartados. Non todo no PXOM vello é desbotable, o que nos coloca nunha situación de vantaxe cara a redacción dun novo”, explicou. 

Para a redacción do novo PXOM de Verín é crucial “evitar que volva pasar o que sucedeu cos dous anteriores, que caían por defectos na súa elaboración”. Para elo Seoane aposta por dotalo da debida seguridade xurídica “mediante a correcta plasmación de tódolos requisitos legais”, aínda que sinala como crucial “que tamén recolla todas as demandas dos veciños”. 

Nesta sede os veciños poderán acudir un a un e tantas veces coma precisen para expresar as súas demandas ou inquedanzas. 

O obxectivo, legalizar os recursos hídricos da vila

O planeamento da vila vixente foi anulado polo Tribunal Supremo en base a falta de xustificación dos recursos hídricos que garantisen o abastecemento dos novos usuarios en función do crecemento previsto. No caso verinés, a existencia si estaba garantida pero os mananciais que abastecerían nun futuro á poboación non estaban debidamente legalizados, aínda que antes de que se presentase a demanda xa algúns contaban con todas as autorizacións pertinentes e outros as obtiveron antes de coñecerse o fallo do Supremo. 

En base a esta última consideración, o Concello estuda presentar un incidente de nulidade perante o Tribunal que anulou o planeamento, aínda que o propio alcalde estima que as posibilidades de prosperar son escasas. 

Te puede interesar