O Concello de Verín, coa finalidade de manter viva a celebración programada para a entrega de premios dos Certames "Poesía Xosé Carlos Caneiro Pérez" e "Relato Curto Antonio Fernández Pérez", presenta, a través da concellería de Educación, Cultura e Festexos, "Lectura nas redes".
"Un ano máis, a situación sanitaria limita as posibilidades dos actos presenciais axendados para o Día das Letras Galegas", lamentan dende a casa consistorial, e con "Lectura nas redes" tentarán achegar a gala a todos os verineses.
Trátase dun novo formato onde a tradicional gala presencial será substituída pola difusión de contidos dixitais nos que os protagonistas serán o propio alumnado gañador dos concursos literarios.
Con "Lectura nas redes" realizaranse unha serie de pezas audiovisuais nas que os cativos e cativas gañadores das diferente categorías dos certames lerán os seus relatos e poesías. Ditos vídeos serán publicados ao longo do Día das Letras Galegas nas redes sociais do Concello, dende as que se fomentará a súa difusión e se facilitará o seu arquivo, e posterior accesibilidade, para a prosperidade.
Emilia Somoza, concelleira de Educación, Cultura e Festexos, explica que "a idea desta actividade é utilizar o potencial das redes sociais para chegar á poboación xeral, facendo fincapé nos axentes edcuativos, en especial nas familias".
Ademais, a concelleira quixo recordar a importancia de "fomentar o uso do galego na infancia, e que sexan os cativos e cativas as protagonistas do evento, de maneira que poidamos empoderalos e fomentemos así a súa curiosidade e respecto pola nosa lingua".