EMPREGO

Verín promove un obradoiro mancomunado de emprego

Os escollidos para entrar no programa terán un contrato de seis meses de duración no que se formarán nas especialidades de "Dinamización de actividades de tempo libre educativo infantil e xuvenil" e de "Confección e publicación de páxinas web".

A Mancomunidade de municipios da Comarca de Verín promove o Obradoiro de Emprego "Mocidade da Mancomunidade de Verín" coa finalidade de "mellorar a empregabilidade, cualificación e a inserción profesional das persoas mozas incluidas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil".

A entrevista de traballo ós candidatos tivo lugar o pasado día 29 de agosto. Os escollidos para entrar no programa terán un contrato de seis meses de duración no que se formarán nas especialidades de "Dinamización de actividades de tempo libre educativo infantil e xuvenil" e de "Confección e publicación de páxinas web".

Dende a Consellería de Economía, Emprego e Industria informan de que se trata dun máis dos 20 obradoiros de emprego que están aprobados para a provincia de Ourense. Algúns destes, como o mancomunado entre Sarreaus, Vilar de Barrio, Sandiás e Trasmiras xa deu comezo a pasada semana. 

O presidente da Mancomunidade de Verín e rexedor de Monterrei, José Luís Suárez, afirma que este "non é o único que se levará a cabo na comarca".

Te puede interesar