OBRAS DE MANTEMENTO

A Xunta arranxa dúas estradas claves para Castrelo do Val

Obras de mellora da OU-113 ao seu paso polo concello de Castrelo do Val.
photo_camera Obras de mellora da OU-113 ao seu paso polo concello de Castrelo do Val.
O concello de Castrelo do Val está a ser estes días escenario dunhas obras de mellora do firme en dous viais neurálxicos para esta poboación, como son as estradas provinciais OU113 e OU114

Estas actuacións están a consistir na rehabilitación superficial do firme destas vías mediante o seu fresado e reposición, así como en pintar a sinalización horizontal.

Ámbalas obras foron longamente demandadas polo alcalde do Concello de Castrelo do Val, Vicente Gómez, quen xa hai dous anos esixíralle á Xunta que arranxase estas estradas debido á falta de mantemento das mesmas, xa que na súa opinión o seu estado supoñía un perigo para os conductores.

Finalmente, o goberno autonómico adxudicou este mesmo ano, por un importe de 1.055.626 euros, as obras de mellora destes dous viais á empresa Extraco, xuntamente con intervencións nas estradas OU-316 y OU-311.

O mandatario socialista amósase “satisfeito con estas actuacións, porque pensamos que daquela as obras de Adif non estiveran á altura, algo que está a ser solucionado con estes arranxos. A OU-113 e máis a OU-114 vertebran o noso concello, e pensamos que así é como merecemos ter estes viais”.

A OU-113, que une Vilar de Barrio con Verín, atravesa os núcleos de poboación de Castrelo e de Nocedo do Val. Por outra banda, a OU-114 conecta Campobecerros con Caldeliñas, en Verín, atravesando os núcleos de Vilar e Fontefría, situados na parroquia de Servoi, ademais de Gondulfes.

Te puede interesar