Música

A Xuntanza de Gaiteiros mantén a edición anual

A celebración deste ano tivo que retrasarse por motivo da pandemia

A trigésimo quinta edición da Xuntanza Internacional de Gaiteiros terá lugar o sábado 29 no Castelo de Monterrei. Este ano, o evento homenaxeará ao gaiteiro de Riós, Adelino Rodríguez

A programación deste ano foi presentada nun acto no centro cultural Marcos Valcárcel no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, o director da Escola Provincial de Gaitas da Deputación, Xosé Lois Foxo, e o alcalde de Monterrei, José Luís Suárez. 

A Xuntanza Internacional de Gaiteiros celébrase tradicionalmente durante o segundo fin de semana de xuño, pero con motivo da pandemia retrasouse a súa celebración. "Este evento forma parte da historia de Ourense e da Escola de Gaitas polo que quixemos manter a Xuntanza porque a cultura necesita actividade para seguir vivindo", afirma Xosé Lois Foxo. A edición deste ano terá carácter nacional coa participación de artistas de España e Portugal. "Vai estar o mellor da Península Ibérica", explica Xosé Lois Foxo. 

A programación comezará o venres pola tarde na Praza Ermida de Flariz cun concerto de Juan Mari Beltrán e Fernando Jalón. Os actos continuarán o sábado pola mañá coa presentación do libro La Nuossa Gaita a cargo de Abílio Topa. A partir das 19,00 horas dará comezo a Xuntanza de Gaiteiros na que haberá varias actuacións como a da Banda de Gaitas Nova Era de Verín, Zanfonistas da Escola Provincial de Gaitas, a Agrupación Musical do Concello de Riós, os Gaiteiros de Flariz ou a da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense. 

Esta edición contará cunha exposición fotográfica iconográfica da Gaita que se poderá visitar ata o día 29 de agosto. 

Te puede interesar