As carballiñesas poden asistir neste mes a cursos de risoterapia e informática básica

A Concellería de Servizos Sociais do Carballiño organiza dende este mes dous obradoiros de risoterapia e informática, orientados á participación de mulleres empadronadas no municipio.
A responsable desta área municipal, Asunción Rivero, sinalou que ‘con estas actividades tentamos conmemorar o día Internacional da Muller, que se celebra este domingo, tendo en conta as peticións que nos chegan das nosas conveciñas’.

Deste xeito, o vindeiro martes comezará un cursiño de iniciación á informática cun total de 25 horas lectivas e 16 prazas para o alumnado, e que se desenvolvea no Telecentro da Casa do Concello en horario de 15.30 a 17.00 horas. As persoas interesadas poden inscribirse no Centro de Información ás Mulleres (CIM), ubicado na rúa Faustino Santalice, abonando unha cuota de 10 euros. Asemade, o local que posúe en aluguer o departamento de Servizos Sociais do Carballiño na rúa Calvo Sotelo acollerá dende o sábado 14 de marzo un curso de risoterapia, previsto para 30 mulleres e cun horario de 16.00 a 18.00 horas.

Diplomas

Asunción Rivero explicou que ‘esta é a segunda edición dun obradoiro que tivo moito éxito o ano pasado xa que a demanda existente dobrou á oferta, que só era de 30 prazas’. Por outra banda, a concelleira comentou que ‘o vindeiro 13 de marzo imos face-la entrega no local de Servizos Sociais dos diplomas ás persoas que participaron o ano pasado nos cursos e obradoiros programados polo Concello, coma foron os de reciclaxe no fogar, atención á infancia e manipulación de alimentos’.


Te puede interesar