O Concello do Carballiño entregará 50 composteiros para facer abono

Concello de Carballiño.
photo_camera Concello de Carballiño.
Os solicitantes deberán ter a primeira residencia no Carballiño e ter un mínimo de 50 m2 de horta ou xardín

O Concello do Carballiño solicitou unha partida de 50 composteiros para entregar a familias residentes neste municipio. Así mesmo, no momento da entrega dos composteiros impartirase un curso de formación, segundo informan os responsables municipais.

Para poder acceder a un composteiro, o solicitante deberá ter a primeira residencia no Concello do Carballiño, con un mínimo de 50 metros cadrados de horta ou xardín. Tamén deberá adquirir o compromiso de facer un uso responsable do composteiro e destinalo única e exclusivamente a súa finalidade de tratamento dos residuos orgánicos, ademais de non ceder a terceiros en ningún caso e por ningún título nin de forma onerosa nin gratuíta os materiais subministrados polo Concello.

Por outra banda, sinalan que o interesado terá que aceptar calquera labor de supervisión destinada a comprobación do emprego dos materiais proporcionados, que serán levadas a cabo polos responsables designados polo Concello. Por último, participará no programa de seguimento e visitas domiciliarias para monitorizar o proceso de compostaxe coa finalidade de recibir a formación necesaria para tratar os restos orgánicos do seu domicilio e obter un abono orgánico.

As solicitudes se recollen e presentan na área de Medio Ambiente do Concello do Carballiño, en horario de 8,30 a 14,30 horas, desde hoxe ata o día 20 deste mes de maio.

Te puede interesar