O Carballiño acollerá a entrega dos premios da Federación de Libreiros de Galicia

A Federación de Libreiros de Galicia vén de convocar os XVIII Premios Irmandade do Libro, nas modalidades de centros de ensino, autor, mellor libro e mellor obra editorial do 2008, institucións, librería e fomento da lectura. A novidade é que os galardóns entregaranse no Carballiño, no decurso dunha cea que se celebrará o vindeiro 28 de marzo e que está organizada pola federación galega.
As propostas gañadoras nas respectivas modalidades, recibirán a tradicional figura de bronce, obra do autor Ismael López Fernández. Nas modalidades de centros de ensino e fomento da lectura, ademais da figura alegórica recibirán un cheque por importe de 2.000 euros para a adquisición de libros, conforme ó estipulado nas bases da convocatoria. O xurado estará formado polo presidente da Federación de Libreiros de Galicia, Xurxo Patiño Pérez que terá voto de calidade. Actuará como secretario, con voz e voto, o secretario da mesma, mentres os vocais serán un docente de lingua galega, un escritor, un representante da Secretaría Xeral de Política Lingüística, un libreriro e un bibliotecario.

Organización

A comisión organizadora desta edición número 18 dos Premios Irmandade do Libro está formada polo presidente da Federación de Libreiros; a presidenta da Agrupación de Libreiros de Ourense, Pilar Rodríguez Álvarez, e o coordenador da federación, Antonio Fernández Maira. As bases estarán a disposición pública na páxina web da federación, www.librarias.org, e na sede da mesma, na rúa República de El Salvador de Santiago de Compostela.


Te puede interesar