Representantes de 10 asociacións reuníronse no Parque do Carballiño

Un cento de mulleres rurais da comarca reivindican a súa porcentaxe de igualdade

O grupo de pandereteiras do Irixo, na súa actuación ante as mulleres rurais. (Foto: Marcos Atrio)
Un total de 100 integrantes da Federación de Mulleres Rurais de Ourense (Femuro) celebraron onte unha xornada de convivencia no Parque municipal do Carballiño xunto con alcaldes e concelleiros de catro municipios da comarca. Antes do xantar e dun animado baile, a presidenta da organización, María Teresa Cid, instou ás asistentes ‘a seguir loitando pola igualdade social e económica no rural’.
O Parque municipal do Carballiño acolleu onte a segunda edición do encontro que organiza a Federación de Mulleres Rurais de Ourense (Femuro), que aglutina a 67 colectivos na provincia. Nesta ocasión, a cita estaba pensada para as 10 asociacións que están operativas na actualidade na comarca carballiñesa e a ela acudiu un cento de afiliadas.

Ademais, a organización invitou ós alcaldes dos catro municipios onde teñen representación. Aínda que o rexedor do Irixo, Manuel Penedo, non asistiu, si estivo o seu homólogo de Piñor, Francisco José Fraga; os concelleiros Marco Antonio e María Josefa Vázquez, de Maside, e a alcaldesa en funcións da vila do Arenteiro, María José Pérez. Pasadas as 13.00 horas, as participantes dirixíronse a pé ata a pista central do Parque carballiñés, onde actuou un grupo de pandereteiras e cantareiras do Irixo, formado por cinco rapazas xóvenes que recolleron diferentes cantigas na zona.

Alicia González, coordenadora de Femuro na comarca, inter viu para sinalar que ‘ós que din que o futuro é noso hai que respostarlles que non queremos máis que o 50% de igualdade que nos corresponde, xa que homes quedarían atrás e voltaríamos á situación de épocas pasadas’.

A presidenta da Federación, María Teresa Cid, lembrou que o Día Internacional da Muller ‘é unha xornada de loita específica para reivindicar igualdade social, política, económica, laboral e cultural’. No mesmo sentido, instou ás carballiñesas ‘a seguir loitando pola nosa condición co obxectivo de acadar a plena igualdade da muller rural’.

Incorporación

A continuación, o grupo subiu ata o restaurante ‘O Pote’ para celebrar un xantar de confraternidade, polo que pagaron 15 euros, seguido dun animado baile que se prolongou ata a media tarde. A presenza de Femuro na bisbarra remóntase á implantación -hai xa cinco anosdo programa ‘Conectados co mundo’ no Centro Social do Carballiño. Alicia González adiantou que ‘nestes intres hai un colectivo de mulleres do municipio que está a ultimar os trámites para a súa incorporación á nosa federación’.

Te puede interesar