Centos de persoas gozaron a lombos dos cabalos no Irixo

Pequenos e maiores gozaron dos cabalos.
photo_camera Pequenos e maiores gozaron dos cabalos.
A Carballeira do Tellado foi o escenario da vixésimo terceira edición da Festa do Cabalo do municipio

Os cabalos foron os verdadeiros protagonistas de onte no Irixo, onde se celebrou a vixésimo terceira edición da Festa do Cabalo, que reuniu a centos de persoas na Carballeira do Tellado. A celebración arrancou xa pola mañá, cunha ruta a cabalo polo monte, que deu paso a un xantar popular na que non faltou polbo, pan, carne ó caldeiro, viño e moito bo humor.

Pero o groso da festa chegou pola tarde, cos tradicionais concursos ecuestres. A actividade arrancou ás cinco da tarde,  co certame de andadura de menos de metro e medio. Media hora máis tarde, outro de andadura, pero na categoría de máis de metro e medio de altura. E ás seis e media foi a quenda do concurso de trote. Así, tras estes tres concursos celebrouse a entrega de premios, que arrancou arredor das sete e media e no que se repartiron tres trofeos, dotados con 75, 50 e 25 euros, ademais do prestixio e unha copa.

Esta é unha festa plenamente consolidada, que regresou o ano pasado despois de dous ausente por culpa do covid. Unha festa na que se deron cita monturas procedentes de moi distintos lugares e na que os produtores do municipio tiveron tamén un protagonismo especial.

Pero ademais de cabalos, tamén houbo espazo para outras actividades. No campo había varios artesáns amosando os seus traballos e unha sección moi popular con fotos antigas, consultada por todos os veciños, tanto pequenos como maiores, que pasaron unha xornada diferente compartindo a súa paixón.

Te puede interesar