O colexio de Cea solicita a Educación un novo conserxe

<p></p>

O CPI Virxe da Saleta, apoiado polos concellos de San Cristovo de Cea e de Piñor, urxe á Consellería de Educación a contratación inmediata dun conserxe, esencial para o funcionamento do centro

Toda a comunidade educativa do CPI Virxe da Saleta de Cea e a Anpa, apoiados polos concellos de San Cristovo de Cea e de Piñor, solicitan urxentemente á Consellería de Educación un conserxe, xa que a súa falta afecta de forma grave no día a día dos nenos, así como no traballo dos docentes, indican.

Segundo sinalan, o colexio contaba cun persoal laboral de mantemento, que en maio do 2022 xubilouse e, a día de hoxe, non se cubriu o posto, “isto supón que o centro non estea funcionando correctamente”. A comunidade educativa considera que “o labor desta persoa era fundamental para o mantemento, vixiaba o centro, controlaba o acceso de toda persoa non autorizada, prendido, control e apagado de calefacción e da electricidade, mirando que todo funcionase correctamente, así como tarefas de control do aforro enerxético, revisión das instalacións dando conta aos responsables de calquera incidencia…”

Engaden que fai máis de un ano que o persoal docente fai tarefas que non lle corresponden, en detrimento das horas lectivas que teñen para impartir clase, “algo que repercute de forma negativa” e aseguran que o Concello de Cea aínda que axuda a correxir deficiencias pola falta do traballador “nos comunican que o importe económico que reciben da Consellería é totalmente insuficiente para atender as necesidades do colexio”.

Te puede interesar