A Coral de Ruada foi de romaría a Oseira

Membros da Coral de Ruada co bispo e cos monxes de Oseira, onte durante a celebración da súa romaría. (Foto: JOSÉ PAZ)
A Coral de Ruada celebrou a súa tradicional romaría anual en Oseira, no Concello de San Cristovo de Cea, compartindo cos seus amigos o recoñecemento feito pola Xunta ao concederlle a Medalla Castelao, o pasado 30 de maio, pola súa traxectoria de 95 anos dedicada á conservación da tradición e da cultura popular ourensá e galega a través da excelencia artística e musical.
Os actos daban comezo coa celebración dunha misa oficiada polo bispo de Ourense, Leonardo Lemos, e cantada polos membros da Coral de Ruada. De seguido, na carballeira de Oseira, tivo lugar o xantar e a festa popular, que celebran cada ano os Amigos da Coral de Ruada.

Os monxes de Oseira dábanlles a benvida, participando cos asistentes na celebración da Eucaristía. Entre as autoridades presentes estivo o delegado Territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, que destacou o traballo desta senlleira institución musical. Esta coral ourensana, recoñecida pola súa defensa da cultura galega, foi fundada en 1918 por Daniel González, tamén director da agrupación, e por Xavier Prado 'Lameiro'.

Te puede interesar