Espazo Común presenta 62 alegacións aos orzamentos

Espazo Común vén de presentar unha batería de 62 alegacións á proposta de orzamentos feita polo grupo municipal do PSOE no goberno do Carballiño. “O obxectivo é darlle unha volta importante ás contas municipais para que se axusten moito máis a unha realidade social que dende a alcaldía semellan decididos a tapar con orquestras e charangas” sinala.

Trátase dunha proposta de case 11 millóns de euros que, segundo este grupo da oposición, “esquece por completo obrigas coma o traballo na conciliación da vida familiar e laboral, a recuperación de sectores castigados pola pandemia como o comercio ou a existencia dunhas parroquias rurais que quedan case esquecidas”, engaden.

Espazo Común afirma que con estas alegacións, pretenden reequilibrar unhas contas “absurdas e que foron calificadas no pleno da aprobación inicial coma “as de sempre” polo propio rexedor.
Consideran que, “certo é que a situación absurda provocada pola ilóxica aprobación dunha modificación de crédito amparada na maioría absoluta do PSOE en pleno período de alegacións, altera totalmente o espírito destas”. Algo que sinalan como unha falla de respecto do alcalde coa oposición. “Pese a quen pese, imos seguir a loitar por mellorar o pobo, aínda que nolo poña case imposible o funcionamento do Concello”, conclúen.

Te puede interesar