O Carballiño reivindica a súa feira cunha exposición fotográfica realizada pola Asociación Fotográfica O Potiños por encargo do Concello. A orixe da vila está vencellada á súa feira e a mostra que se inaugurou onte ofrece unha visión que é a un tempo memoria histórica e tamén reflexo dunha realidade que fala de encontro, ledicia, actividade económica, amizade, ilusión, fidelidade na relación de anos de relación entre compradores e vendedores, momentos de troula e de cita gastronómica.
Entre as imaxes figuran o afiador ou os pulpeiros e tamén as actuacións musicais coas que o concello quere potenciar este mercado.
A mostra fotográfica sobre a feira do Carballiño está aberta ao público na Casa do Concello e na presentación da mesma participaron os concelleiros de Cultura, Diego Fernández; Turismo, Manuel Dacal; Comercio, Silvia Baranda; e Servizos Públicos, Rosa Fuentes; o presidente da Asociación Fotográfica O Potiños, Manuel Blanco; e o vicepresidente da Asociación de Pulpeiros do Carballiño, Olivier Fernández.