O CARBALLIÑO

Gallego Jorreto recibirá o Torques de Honra 2017

Este galardón está concedido polo Centro de Estudios Chamoso Lamas 

O Centro de Estudios Chamoso Lamas acordou conceder ao arquitecto Manuel Gallego Jorreto o “Torques de Honra 2017”. Trátase dun galardón que realiza con carácter bianual esta entidade para distinguir o traballo de persoas e entidades a prol da conservación, recuperación e divulgación do patrimonio histórico-cultural das comarcas do Carballiño e do Ribeiro. Nesta quinta edición regular do premio, os integrantes do Centro de Estudios Chamoso Lamas tomaron en consideración o importante labor desenvolvido por Manuel Gallego Jorreto no proxecto de rehabilitación da antiga fábrica de papel da Lavandeira, así como do que realiza na actualidade para ampliar as instalacións termais do Gran Balneario do Carballiño.

O galardón será entregado nun acto que se desenvolverá no Carballiño o próximo mes de decembro.

Manuel Gallego Jorreto, nado no Carballiño en 1936, ten recibido numerosos premios, entre eles, o Premio Nacional de Arquitectura (1997), Medalla de Ouro da Arquitectura (2010) e Medalla de Ouro de Galicia (2016). Colaborou co Centro de Estudios Chamoso Lamas, sendo ponente no I Congreso “O Home e o Medio”. Na actualidade ultima o proxecto de ampliación das instalación termais do Gran Balneario, cuxas obras comezarán nos próximos meses.

Dende a creación do Torques de Honra, no ano 2008, o Centro de Estudios Chamoso Lamas leva concedido un total de sete galardóns, tres de xeito extraordinario e catro con carácter ordinario e bianual.

Te puede interesar