Loa á poesía e ao pasado medieval galego en Moldes

Un momento do acto celebrado onte no exterior do pazo de Moldes.
photo_camera Un momento do acto celebrado onte no exterior do pazo de Moldes.
Un centenar de persoas déronse cita na carballeira de Moldes, Boborás, para a entrega do premio Losada Diéguez a Eva Veiga, Baldo Ramos, Xosé Miguel Andrade e Anselmo López Carreira

A carballeira de Moldes albergou este sábado o acto solemne da entrega do Premio Antón Losada Diéguez a Eva Veiga e Baldo Ramos por “Quérote canto” e Xosé Miguel Andrade e Anselmo López Carreira por “O Reino medieval de Galicia”, nas categorías de Creación Literaria e Investigación e ensaio, respectivamente. O público agradeceu o cambio de emprazamento, na procura da brisa fresca da arboreda, nun acto solemne no cal o escritor Luís González Tosar exerceu de pregoeiro.

Logo dunha edición, a do 2020, na que o coronavirus impediu a celebración dun dos actos máis senlleiros e tradicionais do panorama literario de Galicia, o encontro de onte permitiu volver a honrar a cultura galega, poñendo o foco na poesía e tamén no pasado medieval. Os premiados, ademáis de moi emocionados e agradecidos polo premio, coincidiron ao  expresar publicamente a súa sorpresa polo galardón nun ano especialmente duro pola grande competencia. Veiga e Ramos compartiron cos asistentes como foi o proceso de elaboración da súa obra, nun retiro no Mosteiro de Oseira onde lembraron con agarimo ao responsable da biblioteca. Co traballo firmado por Andrade Cernadas e López Carreira  rescatase con rigorosidade e carácter divulgativo a existencia do reino de Galicia.

Entre as autoridades que se deron cita na carballeira de Moldes estaban o delegado territorial Gabriel Alén, o vicepresidente da Deputación César Fernández, así como os máximos representantes dos concellos de Boborás e Carballiño, Patricia Torres e Francisco Fumega respectivamente, convocantes ademáis do certame que  mantén vivo o legado dun dos referentes intelectuais galegos e, en definitiva, a cultura do país. Na súa intervención, o delegado da Xunta Gabriel Alén destacou a contribución do pensamento de Losada Diéguez na identidade galega e o sinalou como “ideólogo do artellamento do grupo Nós” liderado por Vicente Risco, Castelao, Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas ou Ramón Cabanillas. O alcalde do Carballiño foi o encargado de facer una semblanda de Losada Diéguez e González Tosar fixo un repaso na historia do premio, que naceu a raíz do centenario de Losada Diéguez fai 36 anos polo desexo do seu fillo Luís Losada Espinosa, “xornalista que puxo en funcionamento a radio e televisión galega e dirixiu os informativos de RTVE”, lembrou. 

Tosar continuou o seu discurso facendo unha comparativa con outras celebracións  no ámbito da cultura galega, como o Día das Letras Galegas. “Con todo o mérito a Real Academia Galega, dende o berce do galeguismo político e cultural que foi Ourense coa Xeración Nós, pedimos máis democratización, máis participación e pluralidade na elección do persoeiro homenaxeado nas Letras Galegas”, dixo Tosar, quen entende que os centros de ensino, as universidades galegas, as fundacións de escritores, os concellos e as deputacións que nestes anos axudaron a enaltecer esta celebración, “teñen dereito a participar na designación do homenaxeado”, dixo.

O encontro de onte foi o escollido pola Coral Orfeón do Carballiño para volver a tocar despois da pandemia, pechando o acto cun trío de cordas e a interpretación do Himno Galego.

Te puede interesar