A Mesa lingüística aposta pola denominación ‘Festa do Polbo’

Carlos Callón, da MNL (centro). (Foto: Martiño Pinal)
O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística (MNL), Carlos Callón, asegurou onte que ‘non ten sentido que o alcalde do Carballiño defenda o nome de Festa do Pulpo, xa que polbo é a súa denominación correcta’.
O grupo municipal do BNG do Carballiño presentará unha moción de apoio ó manifesto ‘Polo dereito a vivirmos en galego’, que promociona a Mesa pola Normalización Lingüística (MNL) na defensa do idioma por parte das institucións públicas.

Neste senso, Carlos Callón, presidente desta asociación con 22 anos de traxectoria e 3.300 asociados, fixo referencia á polémica suscitada pola denominación ‘Festa do Pulpo’, ‘que está a defender o alcalde carballiñés sen razón algunha que sustente a súa postura’.

Así, Callón asegurou que ‘a verba polbo é a única correcta na lingua galega e foi deturpada polas presións do castelán’. E engadiu que ‘é evidente que poñer Festa do Pulpo é unha mixtura atrapallada dos dous idiomas e non ten xustificación’.

Te puede interesar