Treixadura e Milladoiro abren o Festival Céltico

O evento celébrase no Irixo e San Amaro nas vindeiras fines de semana

Os concellos de O Irixo e San Amaro organizan nas dúas fines de semana vindeiras de setembro, co apoio da Deputación, a primeira edición do seu Festival Céltico. “Unha iniciativa froito da cooperación entre ambos municipios”, sinalou este mércores o seu presidente, Manuel Baltar, na presentación do evento e na que estivo acompañado polos alcaldes de O Irixo, Manuel Cerdeira, e de San Amaro, Fernando Redondo.  

Manuel Baltar destacou a celebración dun “evento cultural e musical que vai máis alá, reivindicando as nosas raíces comúns cun proxecto que xunta o mellor que pode ter un pobo, a defensa da nosa cultura”. 

O alcalde de San Amaro agradeceu “o apoio da Deputación e do seu presidente, Manuel Baltar” para un festival co que “poñemos en valor o máis atractivo que ten un pobo: a súa cultura e as súas raíces”. Fernando Redondo lembrou que o “maior atractivo turístico de San Amaro é o castro de San Cibrán de Las”.Pola súa banda, Manuel Cerdeira destacou que “o que se demostra coa organización deste festival é que se queremos chegar lonxe no camiño, as administracións públicas temos que ir da man”.

O festival arranca en San Amaro o venres, día 2, Leirabuxo actuará no campo da feira ás 22,00 horas; o sábado 3, Treixadura estará ás 22,00 no Castro de San Cibrán de Las; e o domingo 4, será Uxía Lambona e a Banda Molona, no campo do Cruceiro, ás 19,00 horas. E xa no Irixo, o venres 9, Leirabuxo ofrece un concerto no parque do río, ás 22,00 horas, espazo que ao día seguinte, á mesma hora, acollerá a Milladoiro. Como peche do festival, o domingo 10 estarán Uxía Lambona e a Banda Molona  ás 19,00 horas, tamén no parque.

Te puede interesar