Os nenos gozarán co “Diververán” en Piñor

Dous monitores desenvolverán todo tipo de actividades infantís entre o 23 de xuño e o 2 de setembro

O Concello de Piñor pon en marcha o programa de actividades infantís do verán 2022: Piñor Concilia “Diververán”, unha alternativa para a conciliación da vida familiar e laboral dirixida a nenos de 4 a 13 anos de idade, estando previsto que se desenvolvan dende o 23 de xuño ó 2 de setembro, de luns a venres, de 10,00 a 14,00 horas, no Centro Social, onde os nenos poderán desfrutar de talleres e xogos moi variados.

Así, entre o 23 e o 30 de xuño, participarán na Semana da Igualdade na Ciencia, con actividades vinculadas ó Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero;  mentres que a partir do 1 de xullo dará comezo a programación “Diververán”.

O período de inscrición estará aberto dende o 13 de xuño ata o 17 do mesmo mes, e haberá prazas limitadas, que serán adxudicadas seguindo unhas bases de inscrición, segundo unha resolución da alcaldía.

As solicitudes deberán presentarse no rexistro do concello dende o 13 de xuño ás 09,30 ata o 17 de xuño ás 15,00 horas, facendo entrega da solicitude de inscrición así como a
documentación que acredite as circunstancias económicas e sociofamiliares que se priorizan.

Haberá dispoñibles 25 prazas por quenda, para un total de seis.

No caso de superar o número de prazas dispoñibles nalgunha das quendas, terán prioridade os menores que acrediten formar parte de familias con renda baixa; numerosas, monoparentais e vítimas de violencia de xénero ou aporten a xustificación da necesidade de conciliación da vida familiar e laboral debido a que ambos proxenitores traballan. Este servizo disporá de dous monitores para o desenvolvemento das actividades.

Te puede interesar