A aula de informática da Federación de Mulleres Rurais cumpre oito anos de andaina

Un plan achegou a 1.500 alumnos ás novas tecnoloxías

Instalacións da aula de informática de Femuro, na rúa Castelao do Carballiño. (Foto: MARCOS ATRIO)
As veciñas e veciños da comarca que desexan iniciarse no mundo das novas tecnoloxías da comunicación dispoñen, de xeito totalmente gratuito, dun punto de encontro na aula de informática que a Federación de Mulleres Rurais de Ourense (Femuro) posúe no Carballiño dende hai case oito anos.
Unha iniciativa que tivo o seu arranque no Centro Sociomunitario, en outubro de 2003, se ben agora a súa sede foi trasladada ata o número 15 da rúa Castelao. Alí, persoas de tódalas idades (de nenos a maiores) teñen a oportunidade de coñecer os secretos que garda un ordenador, dende o máis básico ata a súa introducción en internet, elaboración de textos, presentacións e, nos últimos meses, con acceso as redes sociais.

'Neste curso participaron 112 adultos e 45 rapaces, de setembro a xuño, o que suma unha media aproximada de 1.500 alumnos dende que comezamos, xa hai sete anos e medio', comenta Alicia González Barreiro, monitora da federación. Baixo o soporte 'conectad@s ó mundo', os últimos aprendices deste ano adentráronse en Facebook e Twenti, 'dúas ferramentas que supoñen un xeito moderno de intercomunicación, sobre todo no caso dos veciños con familias na emigración', subliña Alicia González.

Unha vez rematado o programa lectivo, o local de Femuro acollerá neste vindeiro verán unha 'ludoteca' para os máis pequenos. Esta actividade levarase a cabo polas mañás, coincidindo coa xornada laboral das nais e pais, e incluirá xogos, lectura e talleres didácticos. Mentres, un grupo de asociadas da comarca desplazarase a vindeira semana (do 10 ó 12 de xuño) nunha viaxe cultural á Castela-León, con paradas en Astorga, León, Zamora e Salamanca.

Te puede interesar