A poesía gañou por primeira vez no Premio Antón Losada

"Quérote canto" e "O Reino medieval de Galicia" foron as dúas obras galardoadas nesta edición

O libro de poemas "Quérote canto" de Baldo Ramos e Eva Veiga (Editorial Galaxia), na modalidade de Creación Literaria; e "O Reino medieval de Galicia" de Andrade Cernadas e López Carreira (Edicións Xerais), dentro da categoría de Investigación e Ensaio, foron seleccionados onte polo xurado que lles otorgou o Premio Antón Losada Diéguez na súa XXXVI Edición. 

O xurado reuniuse no salón de plenos do Concello do Carballiño, ao que lle tocou este ano a organización, que alterna co de Boborás, e contando co apoio da Deputación provincial de Ourense. 

En relación á obra "Quérote canto" destaca "a singularidade escollida polos autores na metodoloxía que se traduce nunha resonancia creativa. Dúas voces asentadas e diversas de lírica de noso que transitan camiños distintos nunha estancia común, conseguen conmover aos lectores. Velaí o milagre da poesía", sinala o xurado.

Sobre o traballo "O Reino medieval de Galicia", o xurado valorou "a achega orixinal dos autores ao coñecemento da historia medieval de Galicia, rescatando do esquecemento a existencia do reino de Galicia con rigorosidade e carácter divulgativo, combinando ensaio e investigación en fontes tanto cristiás como musulmáns, con paixón polo pasado temperada polo coñecemento académico e ben fundamentado". 

undefinedA poeta Eva Veiga (Pontedeume)  é a primeira vez que comparte un libro, que precisamente foi idea de Baldo Ramos, porque "os dous traballamos co silencio e para saír do ruído decidimos ir a un lugar onde escribir e eleximos o Mosteiro de Oseira. Unha experiencia marabillosa durante a estancia de tres días", suliña Veiga. Asegura que cada un na súa celda, só víanse nas comidas pero "non falábamos do que escribíamos". Ao rematar e ver o resultado decidiron suprimir a autoría de cada poema, e así "ninguén pode determinar de quen é cada poema, incluso a nós en algún caso nos costa saber de quen é", afirma rindo.

"Acabo de levar unha sorpresa impresionante", sinala a autora, porque "un premio sempre é un recoñecemento e recibir o Premio Antón Losada Diéguez emocióname pola súa figura e ademais porque é a primeira vez que se lle otorga á poesía". Así mesmo considera que "é un libro bastante orixinal no que non existe a determinación da autoría".

uploaded_losada

Edicións Xerais encargoulle a Andrade Cernadas, profesor na Universidade de Santiago de Compostela, e a López Carreira, profesor de instituto xubilado, un traballo sobre o Reino de Galicia, que se prolongou ao longo dun ano "entre organizarse, repartir tarefas, presentar borradores e as revisións do editor", explica Cernadas. Ao investigador o que máis lle chamou a atención foi sobre todo que "Galicia foi un reino independente e despois asociado a Castela-León durante máis tempo, o que ten un significado político maior do que a xente pensa". Orientado ao público en xeral, "O Reino medieval de Galicia" xa vai pola segunda edición, "tivo boa acollida e espero que o premio sirva para darlle máis difusión", afirma Cernadas.

En total, optaron ao premio 30 libros na modalidade de creación literaria, dos que foron descartados oito por non cumprir as bases. Debido a isto, o xurado propón que se modifiquen o requisitos no referente á participación de obras que xa fosen premiadas noutros certames para que non sexan excluídos. 

Así mesmo, en investigación e ensaio presentáronse 18, cumprindo todas elas os requisitos. "Un señor elegante", de Suso de Toro, foi a obra finalista en creación literaria, e "Irmandiñas", de Aurora Marco Rodríguez, en investigación e ensaio. O premio está dotado con un total de 12.000 euros.

Te puede interesar