O tenente de alcalde nega que se está a mudar de cor os recipientes e engade que é a deputación a que os repón
O grupo municipal do PSdeG no Irixo afirma que o Concello pinta os contedores amarelos de verde para que os veciños depositen neles o lixo orgánico e que en outros sitios "coloca directamente só o amarelo sen o verde", sinala. Desta forma, asegura que os veciños non poden depositar os envases para reciclar, polo que consideran os socialistas que o goberno local "pasa da recollida selectiva que pagan os cidadáns no seu recibo", e tendo en conta tamén que "máis da metade dos núcleos do Irixo non dispoñen dese contedor".
Por ese motivo, este grupo da oposición insta ó goberno municipal a través dunha moción a levar a cabo unha "correcta e completa recollida de residuos sólidos urbanos en tódolos pobos" .
Consideran os socialistas que o grupo de goberno, "unha vez máis, non fai nada por xestionar na medida das súas competencias a correcta recollida dos residuos, informando, concienciando e dotando ós núcleos de poboación de contedores verdes e amarelos para que toda a veciñanza poida depositar o lixo e os envases para a súa reciclaxe".
Pola contra, o tenente alcalde, Manuel Cerdeira, negou de forma rotunda que o Concello do Irixo pinte os contedores amarelos de verde e sinalou que o servizo de recollida do lixo foi adxudicada á Deputación provincial, que se encarga da reposición deses depósitos nos pobos.