Os socialistas participaron onte no Carballiño nun foro de debate sobre políticas de emigración

Vázquez arremete contra o uso partidista dos centros galegos e propón despolitizalos

Manuel Vázquez, Pilar Pin y Laura Seara, onte no foro. (Foto: Miguel Ángel)
’A despolitización dos centros galegos para que sexan lugares de convivencia’ foi a reclamación que fixo onte o secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, durante a clusura dun foro sobre políticas de emigración, no Carballiño.
Os socialistas celebraron onte no Carballiño un foro sobre as políticas de emigración e o seu secretario xeral, Manuel Vázquez, aproveitou o acto de clausura para reclamar ó presidente do Goberno autonómico, Alberto Núñez Feijóo, a despolitización dos centros galegos no exterior para que sexan ‘lugares de convivencia’ e non ‘sedes do PP’. O foro sobre as ‘Políticas de Emigración, A Cidadanía Galega no Mundo’ contou coa presencia da directora xeral da Cidadanía Española no Exterior, Pilar Pin, a secretaria de Emigración do PSdeG, Laura Seara, e o secretario provincial, Raúl Fernández, ademais de alcaldes, concelleiros e deputados socialistas e a catedrática de Historia e Institucións Económicas María Xosé Rodríguez, que expuxo unha ponencia sobre a radiografía actual dos galegos no exterior.

Vázquez enmarcou este acto nunha liña de traballo do socialismo galego no exterior, xa que ‘a pesar de non estar nun ano electoral, seguimos facendo política con maiúsculas na emigración’, sinalou. ‘Estamos falando e escoitándonos uns aos outros’, e salientou que o PSdeG ‘traballa para gobernar este país, e iso significa gobernalo dentro e tamén fóra, tendo en conta aos galegos no exterior’. O secretario xeral dos socialistas galegos referiuse á viaxe realizada a pasada semana por Feijóo a Sudamérica, facendo fincapé nas diferenzas entre o PP e o PSdeG á hora de traballar para os galegos na emigración, xa que ‘onde hai emigrantes, o PP ve urnas. Nos vemos dereitos e deberes, e para elo estamos a traballar’, matizou.

Viaxe

Por elo anunciou a intención de realizar a comezos do vindeiro ano unha visita a Sudamérica, co fin de achegar o proxecto socialista aos galegos que residen no exterior, ‘iremos a transmitir solucións’, apuntou. A este respecto, afirmou que ‘o mais grave que fixo Feijóo foi romper o modelo de independencia en América e privar aos cidadáns da liberdade de escoller’.

Pilar Pin destacou a laboura dos socialistas nas agrupacións do exterior, onde ‘divulgan o noso discurso e dan credibilidade o que facemos’. Asemade, insistiu na necesidade de ‘devolverlles ós cidadáns no exterior a dignidade coa que nos repre sentan’. A directora xeral tamén animou ós socialistas a transmitirlles e darlles a coñecer todo o traballo realizado polo Goberno Central, ‘máis do 80% movense por internet, que é onde temos que chegar moito antes das eleccións’, sinalou.

ELECCIÓNS

’Achegar o partido a todos’

Manuel Vázquez agradeceu aos alcaldes, concelleiros, deputados e militantes asistentes ao acto ‘o traballo e esforzo realizados para seguir adiante a pesar da perda do Goberno’ e salientou a importancia dos congresos provinciais ‘para a incorporación dos homes e mulleres aos cadros de dirección do partido’ e para ‘achegar o partido a todos’. ‘Si seguimos traballando así, isto non hai quen o pare’, afirmou, polo que aventurou ‘un gran resultado do PSdeG nas eleccións municipais’. Para conseguilo, dixo, ‘hai que afondar na nosa identidade de país, na vontade galeguista do partido’, e explicou que non é igual ser galego que galeguista, posto que ‘ser galego é nacer aquí, pero ser galeguista é unha actitude na defensa do país’.

Te puede interesar