O CARBALLIÑO

A vila é “Irmán Maior" dunha confraría de Granada desde 1952

O Concello achou un documento no arquivo municipal e investiga os motivos daquel recoñecemento

A Cofradía da Vera Cruz, organizadora da Semana Santa do Carballiño, promoverá para o próximo ano o irmandamento coa Cofradía de Nazarenos de Jesús de la Sentencia y María Santísima de las Maravillas, coñecida como “Sentencia”, que ten a súa sede na igrexa de San Pedro e San Pablo, na parte baixa do barrio do Albaicín de Granada, mesmo ao pé da Alhambra. O motivo desta iniciativa é corresponder ao nomeamento como Irmao Maior Honorario desta cofradía de longa tradición en Granada ao concello do Carballiño, co gallo da celebración do V Centenario dos Reis Católicos, o 2 de xaneiro de 1952.

Este documento histórico, que testifica o nomeamento, foi achado por casualidade, causando unha gran sorpresa, no arquivo municipal do Carballiño, descoñecéndose o motivo da relación que a vila pudo ter con esta cofradía andaluza. Algo, que tanto por parte da Cofradía da Vera Cruz como polas autoridades locais se propoñen averiguar con vistas tamén ao irmandamento, tendo en conta este vínculo histórico que demostra o documento.

Trátase dun escrito en papel vexetal do tamaño aproximado dun folio, que se atopa en perfecto estado de conservación.

A coincidencia deste feito histórico coa novidade da organización no Carballiño por primeira vez da Procesión Penitencial da Sentencia (a da "madrugá"), cerca da medianoite do Xoves Santo, é o que leva ao cofrade maior da Vera Cruz, Rafael Melero, a promover este irmandamento.

“A verdade é que se trata dun descubrimento curioso, do que non tíñamos coñecemento, e que reforza dalgunha maneira a iniciativa que tivemos de organizar por primeira vez unha procesión específica co paso do Noso Señor da Sentencia", sinala Rafael Melero. E engade que "é unha grata noticia, e por iso imos intentar este irmandamento para a próxima Semana Santa”. Nese sentido, tamén apuntou que a Cofradía da Veracruz vai intentar averiguar cal foi o motivo polo que se produciu este nomeamento ao concello do Carballiño hai xa case 65 anos”.

A Procesión Penitencial da Sentencia e da Misericordia, desenvolverase entre as igrexas da Nosa Señora dos Desamparados (Asilo) e da Veracruz, recorrendo as rúas céntricas da vila, a partir das 23,30 horas do xoves, 24 de marzo. O paso do Noso Señor da Sentencia irá custodiado por un escuadrón romano.

A Cofradía da Vera Cruz prosigue co programa de actos para esta Semana Santa, celebrando unha serie de conferencias no Asilo. Hoxe intervirá o Vicario da Diócese de Ourense, Francisco José Prieto, ás 20,00 horas.

Este venres, 18 de marzo, terá lugar a primeira das catro procesións previstas, co traslado da imaxe da Virxe Dolorosa desde a igrexa de San Cibrao ata o templo da Veracruz. Será a partir das 20,00 horas, cun recorrido polas rúas Vulcano, Tomás María Mosquera, Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Praza de San Ramón e Rúa dos Canteiros.

Te puede interesar