60 anos de exaltación vinícola, na Feira do Viño do Ribeiro

Juan Bande, César Fernández, Noelia Rodríguez e Juan Manuel Casares, na presentación do programa.
photo_camera Juan Bande, César Fernández, Noelia Rodríguez e Juan Manuel Casares, na presentación do programa.
Neste ano participarán un total de 35 adegas que ofrecerán os seus viños na Alameda de Ribadavia

A Alameda de Ribadavia acollerá do 28 ao 30 de abril a 35 adegueiros e colleiteiros na tradicional Feira do Viño do Ribeiro, que este ano celebra seis décadas de historia como a cita vitivinícola máis antiga de Galicia e declarada como Ben de Interese Turístico Galego. O redeseño do cartel da primeira edición, a elección como pregoeiro dun dos fundadores da feira -Juan Antonio Bande “Juanan”-; a presenza dun dos mellores sumilleres do mundo, Pitu Roca; e a recuperación trala pandemia dos obradoiros de cociña con recoñecidos chefs marcan esta nova edición.

Noelia Rodríguez, alcaldesa de Ribadavia, sinalou durante a presentación da programación que as previsións de asistencia de público “están a ser moi boas, coa lóxica expectación que esperta a presenza estrela do sumiller Pitu Roca”. A alcaldesa puxo énfase en dúas iniciativas que recuperan a historia da feira: o redeseño que o ribadaviense Francisco Sánchez fixo do cartel da primeira edición e participación destacada do pregoeiro, “unha persoas moi querida, moi activa e cunha gran traxectoria cultural, con historia en cada conversa”.

O pregoeiro desta edición tan especial será Don Juan Antonio Bande Alonso, membro fundador da Feira do Viño do Ribeiro no ano 1964, historia viva do evento pola súa participación e colaboración, sendo ademais o único membro dos fundadores que continúa con vida.

Outro detalle co que a organización quixo lembrar o 60 aniversario do evento foi o deseño do cartel pois fíxose unha readaptación do cartel da edición inaugural, levada a cabo por Francisco Sánchez.

Nesta LX edición da Feira do Viño do Ribeiro os obradoiros de cociña contarán coa presenza de destacados cociñeiros, como Miguel González e Javier Olleros, ambos con Estrelas Michelín, e Marcos Blanco. Non faltarán as catas comentadas coa participación de Susana Barros e Mariña Fernández do grupo Abastos e sumilleres de recoñecido prestixio (entre eles Josep “Pitu” Roca, considerado un dos mellores sumilleres do mundo). Tamén hanerá unha zona gastronómica con pulpeiras e Food Trucks; música en directo con Sr. Jingles, Nastasia Zürcher, Cora Velasco e o grupo Soul & Roll; e para facilitar a conciliación unha área infantil que incluirá o Festivaliño “On the Road”.

O público deberá mercar a súa copa na caseta de venda de copas (na entrada do recinto) e, posteriormente, visitará as casetas das adegas onde poderá optar por degustar os viños mediante a proba, copa ou por botella. Cada opción terá un prezo diferente que marcará cada adega.

O público que se achegue á feira tamén terá a posibilidade de coñecer o patrimonio de Ribadavia e da comarca a través dun autobús turístico que inclúe a entrada ao Museo do Viño de Galicia.

Te puede interesar