Abanca facilita o acceso dos viticultores aos créditos

O Consello Regulador da DO Ribeiro renovou o acordo de colaboración coa entidade

Abanca e o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro veñen de renovar un acordo de colaboración que pon o foco en dar resposta ás necesidades do colectivo de viticultores. Grazas ao convenio, os asociados poderán acceder á oferta completa da entidade financeira para facer fronte ás necesidades do día a día e ás inversións cun fomento importante da sostibilidade.

O texto foi asinado polo director de zona de Abanca en Ourense oeste, Carlos Alberto Díez, e polo presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Juan Manuel Casares.

Os viticultores poderán acceder a condicións melloradas na contratación de produtos e servizos deseñados especificamente para este sector, como pólizas de crédito, préstamos, anticipos, subvencións e impostos, anticipos da PAC, leasing mobiliario ou avais, entre outros. Así, a entidade pon a súa disposición a unidade especializada Abanca Agro, que conta cun catálogo de produtos financeiros adaptados ás necesidades do sector do campo e con xestores especializados.

Ademais, poderán gozar das fórmulas de financiamento oficiais que o banco inclúe nos convenios con diversos organismos públicos, como o ICO ou o Igape. Tamén contarán con persoal especializado na xestión de seguros e terán acceso ao Programa Servizos Abanca, que permite aforrar no pago dos servizos bancarios.

Te puede interesar