Elisa Collarte e Alfredo Alvarado foron os adegueiros galardoados

Os 'Bacelos' animan a elaborar viño de calidade

Un momento do acto de entrega dos galardóns. (Foto: JOSÉ PAZ)
O Pazo dos Ulloa, ubicado na localidade ribadaviense de Esposende, acolleu ó mediodía de onte a entrega dos premios 'Bacelos de Prata', que acadaron a súa oitava edición a iniciativa da asociación Álvaro das Casas. O acto foi presidido polo responsable desta entidade cultural, Avelino Muleiro; o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez; o fiscal xeral de Galicia, Carlos Varela; o tenente de alcalde de Ribadavia, Anxo Collarte, e o subdelegado do Goberno, Camilo Ocampo.
O xurado do certame valorou a tradición na etiquetaxe en lingua galega das botellas de viño das marcas 'Cordón de Santo André' e 'Elisa Collarte Tinto', da colleiteira Elisa Collarte, e 'Acinus', do colleiteiro Alfredo Alvarado, ambolosdous integrados na Denominación de Orixe Ribeiro. Os galardonados recibiron sendas medallas (bacelos de prata) das mans de Xesús Vázquez e Carlos Varela, respectivamente.

Xosé González, presidente do Foro Peinador e membro do colectivo organizador, fixo un repaso dos oito anos de traxectoria do concurso, destacando que 'na actualidade, un total de 160 marcas de viño xa poñen en galego as etiquetas das botellas', e convidou ós consumidores a solicitar nos establecementos hosteleiros 'un viño galego etiquetado na nosa lingua'. Pola súa banda, Avelino Muleiro lembrou a figura de Lois Pereiro, o poeta lugués homenaxeado este ano co gallo do Día das Letras Galegas, e que finou en 1996 afectado polo consumo do aceite de colza desnaturalizado.


MIL PRIMAVEIRAS

No mesmo sentido, Muleiro fixo mención dos máis de 1.000 mortos causados polo 'caso metílico' para 'brindar polos adegueiros actuais, porque están a elaborar productos de calidade e por iso queremos devolverlles o creto que perderon con aquel fraude, desexándolles mil primaveiras máis para os seus viños e licores'. Na clausura do acto, Xesús Vázquez, subliñou que 'o binomio viño galego e lingua galega está a producir moi bós resultados' e avogou pola etiquetaxe en galego , xa que 'prestixia os viños á hora de comercializalos, dando unha imaxe positiva de Galicia'. A coral polifónica 'Val do Avia' de Leiro pechou o programa coa interpretación do Himno Galego.

Te puede interesar