O BNG critica o reparto das axudas aos viñedos

O BNG do Ribeiro considera que Galicia e máis concretamente esta provincia foron marxinadas no reparto das axudas para a reestructuración e reconversión dos viñedos.

O pasado luns, o ministro de Agricultura, Arias Cañete, reuníase cos conselleiros autonómicos para acordar a distribución de 128,5 millóns de euros neste ano 2014. 'A conselleira Rosa Quintana ven de acordar con Cañete que Galicia reciba 2 millóns de euros, o 1,5% do total', sinala o portavoz en Ribadavia, Anxo Collarte.
Ademais, indica que das 5.510 hectáreas de dereitos de plantación que se reparten da reserva estatal, 'a Consellería conseguiu para Galicia: 0'.

Estes fondos permiten realizar a reconversión das viñas das variedades autorizadas ás variedades preferentes, que son as que teñen maior calidade e valor comercial. Sen ditos fondos tampouco se poden reestruturar as viñas de maneira que se poidan mecanizar certos labores. 'Sen reconversión é imposible que a viticultura teña unha mínima rendabilidade', matizan os responsabeis do BNG.

En contraste, os nacionalistas refírense ós 67,6 millóns de euros para Castilla-La Mancha e 13,8 de Extremadura, acumulando entre ambas dous tercios do total. 'Os grandes grupos adegueiros van poder reconverter extensas viñas de secano en regadío, xerando novos excedentes de viño que inundarán o mercado ate que o propio Estado teña que consumir outra vez cartos para destilar ditos excedentes', indican.

Te puede interesar