O BNG di que o saldo contable en Castrelo de Miño é positivo

Neste mes de setembro, o pleno de Castrelo de Miño aprobou a Conta Xeral do exercicio 2021, que foi remitida á fiscalización do Tribunal de Contas e Consello de Contas. O grupo municipal do BNG asegura que este Concello a data de 31 de decembro de 2021, “posuía nas súas contas bancarias, repartidas entre as entidades de Abanca, Sabadell e Santander, un total de 282.960 euros”, matizando este grupo da oposición que tiña “máis saldo en contas bancarias que débeda ten o concello a longo prazo, segundo os datos do ministerio”.

Por ese motivo, engaden os nacionalistas que o alcalde, Avelino Dopazo, “xa pode ir deixando a un lado o discurso de que non ten fondos no concello por mor da herdanza do BNG. Está claro que cando non colabora coas asociacións veciñais, ou quita servizos á veciñanza escudándose nos problemas económicos está mentindo”. Tamén apunta o BNG que “non o fai por carraxe a simpatizantes doutros partidos políticos que non sexan o PP ou porque directamente non lle dá a gana nin lle importa dado que non vive no noso concello”.

Nese sentido, afirma o BNG que o alcalde “para gastar 8.000 euros en xantares a modo de precampaña electoral, ou 500 euros en camisolas para o grupo de goberno (tránsfugas do PSOE incluídos)
para iso si que dispón de fondos”.

Te puede interesar