O BNG rexeita o plan de reordenación que proxecta a Xunta nos colexios de Ribadavia

Tareixa Paz, deputada do BNG no Parlamento de Galiza, Xurxo Rodríguez Méndez, responsable comarcal do BNG no Ribeiro e Anxo Collarte, portavoz municipal do BNG e tenente alcalde do Concello de Ribadavia, xunto con concelleiros nacionalistas da comarca e pais de alumnos dos centros de ensino ribadavienses, expresaron o seu rexeitamento á reordenación da rede de centros de ensino público na vila que, segundo manifestaron onte na Casa da Cultura, ‘atenta contra a calidade do ensino’.

A Xunta pretende que a etapa de primaria que existe no colexio Tomas de Lemos da Alameda se traslade á concentración escolar do mesmo centro. O Tomás de Lemos, engadiron, pasará a ser un centro de ensino infantil e primario, e o alumnado de ESO enviado ao Instituto do Ribeiro xunto co do Abrente que desaparece.’Así pasará a acoller practicamente o dobre de alumnado, masificando de xeito alarmante as súas dependencias’, matizaron los nacionalistas.

Anxo Collarte salientou que con estas medidas ‘masifícase o ensino público en Ribadavia, alónxase o servizo dos veciños e veciñas, destacando a gravidade do alumnado de primaria do colexio da Alameda, de entre 6 e 10 anos, que viven a unha distancia entre 1 e 2 quilómetros do Tomas de Lemos e que non dispoñen de transporte’.

Planificación O tenente de alcalde e portavoz do BNG, manifestou ademais que este plan ‘carece de estudos e planificación coherente, tan só anuncios e falta de implicación dos sectores afectados polo sectarismo da Consellaría, que xa teñen expresado o seu rexeitamento ás formas adoptadas polo goberno do PP’'. Finalmente, o portavoz nacionalista engadiu que ‘o ensino é un servizo público vital para a conformación dunha sociedade democrática e participativa, así como para afrontar os desafíos económicos do futuro’.


Te puede interesar