A apertura do sendeiro supuxo 1,2 millóns de euros de investimento

Carballeda oferta unha ruta de 28 quilómetros

Área recreativa perto dun muíño do río Gateira, incluida na ruta de sendeirismo. (Foto: MARTIÑO PINAL)
Operarios da empresa Tragsa remataron, tras un ano de traballos, as obras de acondicionamento da ruta de sendeiros en Carballeda de Avia, un percorrido de 28 quilómetros que ten como eixo o parque natural de Pena Corneira. Cun orzamento aproximado de 1,2 millóns de euros, que aportou o anterior Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño, o proxecto contemplou a recuperación de antigos camiños e a creación de áreas de recreo e esparcemento nesta paraxe que ocupa unha superficie superior ás mil hectáreas. No itinerario destacan as formacións xeolóxicas de pedra coñecidas como 'Os Bolos', na localidade de Faramontaos.
Os sendeiros pódense percorrer a pé ou a cabalo, o único medio de transporte posible nas primeiras décadas do século pasado, de xeito que o Concello de Carballeda de Avia 'pode ofertar ós veciños do Ribeiro e da provincia e, en xeral, a calquera visitante, un espazo para disfrutar do tempo de lecer que ademais convértese na ruta máis longa de Galicia', apunta o alcalde, Luis Milia.

Deste xeito, as persoas que desexen coñecer o municipio atoparanse no itinerario cun total de 24 muíños completamente restaurados nos ríos Gateira, Maquiáns (que desemboca en Ribadavia) e Vilar, construccións das cales 18 están en pleno funcionamento, con catro áreas de descanso no seu contorno.

O rexedor de Carballeda lembra que 'dende que comezamos a perfilar esta ruta, xa hai sete anos, houbo un investimento total que supera os tres millóns de euros'. Un financiamento que foi posible con fondos da Unión Europea, as actividades de dous talleres de emprego, que se encargaron da rehabilitación dos muíños, e as aportacións do propio Concello de Carballeda.


DOCUMENTAL

A ruta, debidamente sinalizada con paneis, enlaza co sendeiro que comunica a localidade de Leiro co Espacio Natural Protexido de Pena Corneira ó traverso das parroquias de Lebosende e Serantes. Por outra banda, o Concello distribuirá entre as oficiñas de turismo, centros educativos e municipios de toda Galicia un documental en vídeo de alta definición, patrocinado pola Fundación Biodiversidade, que recolle imaxes e son da ruta, 'para a súa difusión entre os escolares e calquera persoa que desexe visitarnos', suliña Luis Milia. Tra-la apertura desta atractiva ruta, a fixación de poboación é un dos obxectivos que contempla o grupo municipal de goberno de Carballeda para o futuro. Neste sentido, o Concello ten previstas actuacións para recuperar antigas aldeas que se atopan abandoadas na actualidade. É o caso de Sariñás, na parroquia de Abelenda das Penas, 'da que consideramos convén a súa rehabilitación urbanística para dotar de aloxamentos estables á xente xoven e para o turismo rural', conclúe o alcalde.

Te puede interesar