O mercado de xaneiro estivo adicado ós artesáns e rexistrou un alto nivel de vendas

Castrelo amplía espazos na feira

Veciños e visitantes pasean entre os postos. (Foto: MIGUEL ÁNGEL)
A primeira feira de Castrelo de Miño que se celebra este ano obtivo onte una afluencia elevada, ante o atractivo de rendir homenaxe ós artesáns populares. Unha ducia de postos de elaboración de productos de coiro, arte floral, cerámica, escultura e abalorios chamaron a atención do público, 'que foi máis numeroso cá nas anteriores edicións e fixo moitas compras', comentou o tenente de alcalde, Alfredo Fernández.
Así, a demanda existente deste tipo de mercadurías motivou ó Concello de Castrelo á instalación dunhas tendas fixas cubertas con toldos, 'e que agora estamos nunha fase de ampliación, para dar resposta ás necesidades de veciños e visitantes, para acadar un mínimo de 25 postos', sinala o concelleiro do grupo municipal de goberno.

A oferta do mercado ubicado xunto ó Complexo Náutico da localidade inclúe tamén un cento de postos de venda ambulante, onde se pode mercar roupa, calzado, libros, música, pan, doces, froita e charcutería, ademais de productos para a horta, coma hortalizas e sementes, a viña e a adega, tendo en conta a riqueza vitivinícola do municipio.

A compoñente gastronómica tamén está presente con dous restaurantes e dúas pulpeiras da localidade carballiñesa de Arcos, para abastecer a un recinto onde se pode xantar baixo unha carpa que ten unha capacidade para 500 comensais. O Concello tamén pón a disposición das persoas que se achegan ata Castrelo un pequeno catamarán para percorrer as augas do río Miño.

Te puede interesar